Fotos, titulares e pouca realidade: o PSOE acusa ao goberno local de vivir da propaganda
Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
Nos últimos días estamos asistindo a unha intensa campaña de autopromoción por parte do goberno municipal, que chega xusto despois de que a veciñanza puidese ver, con claridade, a actitude de desatención do alcalde nas súas responsabilidades na Deputación de Pontevedra. A resposta non foi máis traballo nin máis resultados: foi unha sucesión de publicacións en redes e notas de prensa destinadas a construír un relato que non se corresponde coa realidade.
A última mostra é a súa nota sobre turismo, na que se atribúen méritos e éxitos que nin promoveron nin impulsaron. Fálase de “traballo intenso e ben feito en promoción turística”, cando o certo é que a maior parte dos datos que exhiben responden á inercia de anos anteriores, ao esforzo do tecido asociativo e empresarial da vila e á consolidación de recursos que xa estaban plenamente posicionados moito antes de que este goberno tomase posesión.
O Monte Santa Trega leva décadas sendo o principal motor turístico da Guarda. As Festas do Monte, a Festa da Langosta, o porto, o estuario ou o Piueiro son atractivos consolidados que non naceron nestes dous últimos anos. Non se coñece ningunha iniciativa nova, transformadora ou estratéxica posta en marcha polo actual goberno que xustifique apropiarse destes resultados.
A súa oficialización en 2016 e o seu posterior posicionamento foron froito dun traballo institucional e técnico desenvolvido hai anos. Dende entón, o actual executivo limitouse a aproveitar o crecemento natural dun itinerario que xa viña en expansión, sen impulsar melloras necesarias nin executar actuacións básicas. Un exemplo claro é a falta de sinalización axeitada en puntos clave como Camposancos, unha solicitude presentada polo Grupo Socialista e aprobada por unanimidade en pleno en maio de 2025, que a día de hoxe segue sen executarse, mentres os/as peregrinos/as continúan desorientándose en determinados tramos.
Tampouco resulta rigoroso atribuír ao Concello feitos que non dependen da súa acción directa, como a rodaxe dunha película na vila, a presenza entre finalistas dun concurso comercial ou o recoñecemento turístico dunha plataforma privada. Son circunstancias positivas para a Guarda, sen dúbida, pero non responden a unha planificación nin a unha estratexia municipal específica.
Esta mesma estratexia repítese tamén no ámbito económico. Mentres presumen de apoiar o comercio e a empresa, non puxeron en marcha nin formación, nin axudas, nin medidas reais de dinamización. O caso do polígono industrial é moi clarificador: se de verdade existise unha aposta firme por desenvolvelo como espazo para xerar emprego, nunca se tería barallado trasladar alí o punto limpo.
O problema de fondo é que se está a confundir presenza con xestión. Gobernar non é aparecer nas fotos, nin estar en todos os actos, nin limitarse á axenda institucional. Gobernar é dedicar horas ao despacho, planificar, reunirse, impulsar proxectos e facer seguimento continuo. E iso é o que non se está vendo. Hai moita actividade cara a fóra, pero moi pouca xestión real detrás.
A Guarda ten potencial, recursos e unha base sólida construída ao longo de moito tempo. O que precisa agora é un goberno que lidere, que planifique e que execute. Non un executivo máis preocupado por responder ás críticas da oposición que por poñer en marcha políticas reais que melloren o presente e o futuro da nosa vila.

Ningún comentario:
Publicar un comentario