25 de feb. de 2026

A GUARDA

O Concello da Guarda prepara unha programación especial para o 8M   

Na fin de semana do Día Internacional da Muller haberá dúas actividades 

 



Infogauda / A Guarda  

 O Concello da Guarda xunto co Centro de Información á Muller (CIM) preparan unha programación especial para o 8-M, Día Internacional da Muller.  

 O sábado 7 de marzo, ás 18:00 horas, a praza do Reló acollerá o espectáculo “4.0” de Sue Moreno. Trátase dun espectáculo que fusiona técnicas aéreas de circo (teas e aro) con teatro, danza e música, e cun ton de humor. A historia sitúa a unha muller no seu día a día, intentando conciliar o seu traballo coa súa maternidade, mostrando as diferentes caras desta etapa desde unha ollada divertida, tenra, emocionante e, ás veces, absurda.  

 Para o domingo 8-M, a partir das 19:00 horas, o Centro Cultural da Guarda acollerá a función de teatro “Á luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”. A obra trata de dúas personaxes, Elena, a psicóloga, e Ledicia, a doente, que transitan durante unha sesión de terapia polo presente, pasado e futuro delas dúas. Nesa sesión descubrimos historia de Ledicia, o camiño marcado que seguiu sen rechistar e as consecuencia que trouxeron.  

 Ademais, como parte deste programa do Día Internacional da Muller, desenvólvense diferentes obradoiros para mulleres na nosa vila. Esta semana deu comezo o obradoiro de canto “Con voz propia” que busca explorar novas maneiras de cantar e bailar en liberdade. A próxima semana comezará o obradoiro “Quérome, cóidome”, que tamén arranca a súa quinta edición. Esta actividade céntrase na aprendizaxe de quererse e coidarse para aumentar a autoestima, ademais de compartir experiencias entre mulleres. As inscricións aínda están abertas en muller@aguarda.es e no teléfono 986 61 46 48.

Ningún comentario:

Publicar un comentario