O comité de empresa de GKN Driveline de Vigo convoca mobilizacións para rexeitar o ERE
● Chama o persoal a participar na asemblea deste domingo e na manifestación posterior
Infogauda / Vigo
O comité de empresa de GKN Driveline de Vigo anuncia a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despido de 72 persoas a través do ERE anunciado pola compañía do sector da automoción e chama o cadro de persoal a participar na asemblea que terá lugar nas instalacións da fábrica (na planta alta do aparcamento cuberto) este domingo 1 de febreiro ás 11:00 horas e na manifestación posterior.
A marcha desenvolverase baixo o lema ‘Contra o ERE en GKN, pola defensa do emprego’ e arrincará ás 12:30 horas dende a rotonda de San Andrés de Comesaña, diante da empresa, para rematar na praza de América.
Dende a representación sindical de GKN fan un chamamento tamén á cidadanía de Vigo a sumarse á mobilización para amosar o seu rexeitamento a un ERE que considera inxustificado. “Temos que mandarlle unha mensaxe clara a dirección da empresa de que nos opoñemos a esta medida, ao tempo que lle esiximos á Consellería de Emprego que de ningunha das maneiras pode aprobar un despido colectivo que non teña o acordo co comité”.
Finalmente, lembran que GKN (antiga Indugasa) é un símbolo da industria viguesa e galega que leva 53 anos “exportando o noso bo facer por todo o mundo, e non imos permitir o despedimento inxustificado de ningún compañeiro ou compañeira”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario