15 de xan. de 2026

O ROSAL

O humor cruza a raia para contar as historias que non saíron nos libros   

 Chirlomirlo Teatro chega ao auditorio do Rosal con Arraiadas, unha comedia baseada en feitos reais da posguerra no Baixo Miño. Domingo 18 ás 19.00 horas, de balde  




Infogauda / O Rosal 

 Ás veces a historia non se aprende nos manuais, senón nas historias pequenas, nas que se contaban ao pé do lume e nas que o humor servía para facer máis levadeira a dureza da vida. Esa memoria colectiva, marcada pola necesidade, a picaresca e a supervivencia, sobe ao escenario este domingo 18 de xaneiro ás 19.00 horas no Auditorio Municipal do Rosal coa representación de Arraiadas, de Chirlomirlo Teatro. 

 A obra é un compendio de relatos fronteirizos ambientados na posguerra, cun fío condutor claro: o trapicheo que as xentes humildes do Baixo Miño realizaban para saír adiante. Historias absolutamente reais, recollidas da tradición oral e do arquivo da memoria popular, que Chirlomirlo Teatro transforma nunha comedia intelixente e directa, pasada pola peneira do seu humor característico. Unha proposta que demostra que a realidade, ben contada, pode ser máis sorprendente ca calquera serie de ficción. 

 Para garantir o rigor histórico das historias que sustentan a obra, Arraiadas contou co asesoramento da historiadora tomiñesa Natalia Jorge, referente internacional no estudo da raia, que colaborou na documentación e contextualización dos feitos narrados sobre o escenario. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor cultural e social da proposta, sinalando que “Arraiadas permítenos mirar ao pasado desde o humor e a reflexión, poñendo en valor unha memoria colectiva que forma parte da nosa identidade como territorio de fronteira. Poñer en valor o traballo de compañías teatrais como Chirlomirlo Teatro é apostar por unha cultura que conecta coa xente, que emociona e que fai pensar, ao tempo que recupera historias que non deben caer no esquecemento”. 

 A representación, de balde e aberta ao público, forma parte da programación cultural de inicio de ano do Concello do Rosal, cunha clara aposta por achegar ao auditorio propostas de calidade, con identidade propia e vencelladas á historia e á memoria do territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario