16 de xan. de 2026

O ROSAL

O Rosal reforza a seguridade e a accesibilidade coa rehabilitación dos camiños das Carballas e da Gandarela   

  O Concello investiu 60.000 euros no asfaltado de máis de 4.500 metros cadrados, unha demanda veciñal importante  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de  Vías e Obras Germán Fernández Rodríguez, nun dos camiños rehabilitados
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 A mobilidade no rural do Rosal dá un paso de xigante. O Concello rematou a rehabilitación dos camiños das Carballas e da Gandarela, dúas demandas veciñais importantes en vías fundamentais para a mobilidade de rosaleiros e rosaleiras e para o tránsito de vehículos agrícolas, que presentaban firmes deteriorados e cunetas pechadas que limitaban a funcionalidade e a seguridade. 

 A intervención, que abarcou máis de 4.500 metros cadrados, supuxo un investimento de 60.000 euros no asfaltado financiados con fondos propios do Concello e coa captación de fondos do Plan Camiña Rural 2025 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Os traballos incluíron a reparación, mellora e ampliación de firmes, a mellora da capa de rodadura e das redes, incluídos os regos, grazas ao traballo dos empregados municipais. O obxectivo é garantir unha circulación máis segura e cómoda para todas as persoas usuarias. As obras contaron coa autorización de Patrimonio Cultural e os informes favorables do Servizo de Infraestruturas e Vías da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega de Infraestruturas. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “estes proxectos son unha mostra do noso compromiso coa veciñanza e coa mellora progresiva da rede de camiños municipais. Grazas a actuacións planificadas dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais, estamos a transformar a mobilidade rural de forma segura e sostible. Para este ano 2026 xa temos estamos a traballar nun proxecto de mellora cun investimento que ascende a 330.000 euros”. 

 Nos últimos dous anos e medio, o Concello renovou máis de 40.000 metros cadrados de camiños rurais, cun investimento total de arredor de 800.000 euros, consolidando unha folla de ruta que garante unha rede viaria moderna, accesible e funcional en todas as parroquias rosaleiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario