Lorenzana avalía co alcalde de Baiona as posibilidades de desenvolvemento de solo empresarial no municipio
• Na xuntanza analizaron as posibilidades de crear infraestruturas para a implantación de empresas
Infogauda / Baiona
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, con quen avaliou as posibilidades que existen no municipio para a creación de solo empresarial. Actualmente, no Plan xeral de ordenación municipal do Concello recóllese un ámbito de solo urbanizable industrial pendente de desenvolvemento.
Na reunión, Lorenzana expuxo as diferentes figuras de ordenación de solo empresarial reguladas actualmente pola Administración autonómica, entre as que destacou as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES).
Esta figura permite realizar de xeito simultáneo, e polo tanto máis áxil, a tramitación urbanística e a dos proxectos empresariais naqueles casos nos que o ámbito territorial vaia incluír un proxecto industrial estratéxico (PIE). A través dos ZAPES, a implantación das industrias beneficiarase dun importante aforro de prazos, de xeito que o tempo medio para que as empresas comecen a súa construción podería reducirse de dez anos a tan só un ano e medio.
Preto de 3 millóns de metros cadrados de solo industrial en Pontevedra
Neste momento a Xunta está a tramitar preto de tres millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia de Pontevedra. Ademais do polígono de Toedo (A Estrada), actualmente encóntranse en tramitación os plans de ordenación do parque empresarial de Fragamoreira (Poio), o de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa), a Fase II do Campiño (Pontevedra) e a ampliación da área multifuncional industrial da Plisan. Tamén se está a traballar na tramitación do proxecto de urbanización da Fase IV de Lalín 2000 e no proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas. En total, suman máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo empresarial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario