Concerto de Nadal con María do Ceo na catedral de Tui
• Será este domingo ás 18:00 h dentro dos actos conmemorativos do 800 anos da consagración do templo catedralicio
Infogauda / Tui
A catedral de Santa María de Tui acollerá este domingo, 28 de decembro, ás 18:00 h un “Concerto de Nadal” a cargo da fadista María do Ceo. Trátase dunha proposta musical pensada para estas datas tan sinaladas e para conmemorar os 800 anos da consagración da catedral de Tui. Este concerto está organizado polo cabido da catedral tudense coa colaboración do Concello de Tui.
O concerto permitirá ao público gozar da voz dunha das intérpretes máis recoñecidas do panorama galego-portugués, cun repertorio que combina tradición, emoción e sonoridades propias do Nadal. O programa estará composto por diferentes panxoliñas, escoitaranse pezas populares da tradición galega, como «Por entre as silveiras» ou «Os paxariños», e tamén de Portugal, como «Em noite tao fría» ou «Cançâo de embalar».
María do Ceo, nacida en Portugal e afincada en Ourense desde a infancia, desenvolveu ao longo de varias décadas unha sólida carreira musical marcada pola fusión de influencias galegas e portuguesas. Cun estilo persoal que mestura a melancolía do fado coa sensibilidade da música galega, conta cunha ampla discografía e cunha intensa traxectoria sobre os escenarios, tanto a nivel nacional como internacional.
Ao longo da súa carreira publicou máis dunha ducia de traballos discográficos e recibiu numerosos recoñecementos pola súa achega á música e á difusión da cultura a ambas beiras do Miño, ademais de colaborar en proxectos audiovisuais e escénicos.
O acceso é libre, ata completar a cabida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario