23 de dec. de 2025

TOMIÑO

Tomiño quenta motores para a IX Gala do Deporte abrindo o prazo de envío de candidaturas  

 O Concello chama á participación da veciñanza para recoñecer o talento deportivo local nun evento que se celebrará o 7 de febreiro ás 20.30 h no auditorio de Goián  


Foto de familia da gala da edición precedente
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O deporte volve ocupar o centro da escena en Tomiño cunha cita que xa forma parte do calendario emocional do municipio. O Concello acaba de abrir o prazo de presentación de candidaturas para a IX Gala do Deporte, unha celebración que servirá para poñer en valor o esforzo, a constancia e os éxitos das persoas e colectivos que fan do deporte un sinal de identidade tomiñesa. 

 A gala celebrarase o vindeiro 7 de febreiro de 2026 ás 20.30 horas no Auditorio de Goián, un evento no que o Concello leva tempo traballando para organizar unha noite “chea de ilusión, emoción e sorpresas” na que se recoñecerá o mellor do deporte local tanto a nivel individual como colectivo. 

 As candidaturas poden presentarse ata o próximo 6 de xaneiro a través do correo electrónico galatomino@gmail.com, achegando información detallada sobre os méritos deportivos acadados desde a última edición da gala. O Concello anima á veciñanza, clubs e entidades a participar activamente neste proceso para lograr unha representación ampla e diversa do deporte tomiñés. 

 Como novidade nesta edición, poderán ser candidatas non só as persoas empadroadas actualmente en Tomiño, senón tamén aquelas que, aínda que non residan agora no municipio, levasen toda a súa vida vinculadas a el. Ademais, xunto ao sistema habitual de valoración por parte dun xurado, volverá haber tamén votación popular a través da web e das redes sociais do Concello, permitindo que veciños e veciñas poidan escoller aos e ás mellores deportistas en distintas categorías. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “a Gala do Deporte é un recoñecemento colectivo a valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación, que forman parte do ADN do noso concello”. A rexedora subliñou tamén a importancia de “dar visibilidade a todo ese traballo silencioso que se fai ao longo do ano en clubs, escolas deportivas e a nivel individual”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rubén García, animou a presentar candidaturas e lembrou que “queremos que esta gala sexa un reflexo fiel da boa saúde deportiva da que goza Tomiño tanto dentro como fóra do cocello, por iso é fundamental a implicación da veciñanza”. García recomendou tamén que “as persoas deportistas que pertenzan a clubs consulten previamente coas súas entidades, xa que nalgúns casos son elas as que centralizan a presentación das propostas”. 

 Con esta nova edición da Gala do Deporte, Tomiño reafirma o seu compromiso co deporte como ferramenta de cohesión social, saúde e orgullo colectivo, abrindo un espazo para celebrar xuntos e xuntas os logros que fan grande ao municipio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario