Criminalidade
Abel Losada destaca o 4,4% de baixada da delincuencia convencional na provincia nos tres primeiros trimestres do ano
Destaca o retroceso dun 8,1% na cidade de Vigo e nun 8% na de Pontevedra, consolidando a tendencia dos últimos anos
“Vivimos nunha provincia extraordinariamente segura, e esta seguridade é froito tamén do traballo dos excelentes profesionais que hai na Policía Nacional e na Garda Civil”
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, estudou esta mañá os datos de evolución da delincuencia na provincia de Pontevedra, trala publicación do último balanzo estatístico por parte do Ministerio do Interior. Unha evolución que cualificou como “extraordinariamente positiva”, pois acredita unha baixada no conxunto da provincia dun 4,4% no que atinxe á delincuencia convencional ao peche dos números dos tres primeiros trimestres.
O subdelegado comprobou que entre xaneiro e o final de setembro se produciron 18.015 feitos delictuosos na provincia, por 18.841 do mesmo período do ano anterior. A baixada é extensiva a tódolos apartados e Losada destacou o descenso dun 17,5% nos delitos de agresión sexual con penetración, mentres que o resto de delitos contra a libertade sexual (anteriormente abusos) aumentan un 12%. Sen embargo, baixan tamén os roubos, os furtos, as sustracción de vehículos e mesmo o tráfico de drogas.
O Ministerio do Interior contabiliza separadamente a delincuencia ordinaria da ciberdelincuencia (que funciona dun xeito deslocalizado e, por tanto, non é correcto imputar ás estatísticas locais). Se tomamos a ciberdelincuencia, porcentaxe de suba é dun 10,2% na provincia ao ter pasado de 6.722 a 7.406 delictos, fundamentalmente estafas. Aínda así, explicou o subdelegado, é unha porcentaxe de suba inferior á que se ven producindo na serie histórica recente. O subdelegado, con todo, insistiu en que a ciberdelincuencia é unha categoría á parte que non se debe mesturar coa delincuencia ordinaria, que é a que afecta directamente á seguridade real, e tamén á percibida pola cidadanía.
A estatística do Ministerio abrangue tamén aos municipios de máis de 20.000 habitantes. Deste xeito é posible comprobar que Vigo retrocede un 8,2% no número de delitos (pasa de 6.654 a 6.107 nos tres primeiros trimestres do ano), mentres que Pontevedra baixa outro 8% (de 1.921 a 1.768 delitos).
No resto dos concellos da provincia de máis de 20.000 habitantes a situación é diversa, pois Vilagarcía baixa un 1,7% (de 1.084 a 1.066 delitos); Redondela sobe un 2,2% (de 457 a 467); Marín sobe outro 2,8% (de 429 a 441); Cangas sobe un 6,2% (de 563 a 598); A Estrada baixa un 8,8% (de 249 a 227); Lalín baixa un 0,8% (de 251 a 249); Ponteareas baixa tamén un 1,6% (de 496 a 488) e, finalmente, O Porriño sobe un 5,8% (de 431 delitos a 456 nos tres primeiros trimestres do ano).
“Os números son tozudos e volven demostrar, unha vez máis, que vivimos nunha provincia extraordinariamente segura, cuns índices de delincuencia que son magníficos mesmo no contexto español, pero que se os poñemos en relación con outros países son abraiantes”, afirmou Abel Losada, quen subliñou tamén que esta seguridade é o froito do traballo dos magníficos profesionais que hai na Policía Nacional e na Garda Civil.
O subdelegado concluíu que mesmo cando se producen repuntas tras anos de baixada hai que ver a evolución con perspectiva “e non deixarse enganar por quen manipula e retorce as estatísticas, por exemplo, co truco habitual de mesturar a ciberdelincuencia, sabendo que é un fenómeno recente e que se disparou nestes últimos anos en todo o mundo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario