2 de dec. de 2025

CULTURA

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na visita á exposición ‘Xavier. Momentos naturais’  

 López Campos destaca o traballo de Xavier Vilató “para que a cultura galega se siga enriquecendo desde outras olladas” 

 A mostra acolle pinturas, esculturas, cerámicas e gravados do artista desde 1977 ata hoxe a través do prisma da natureza

 A exposición pode visitarse no Palacio Municipal de Exposicións Kiosko Alfonso ata o vindeiro 26 de febreiro


O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos nunha visita, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, á exposición sobre o legado do artista no Palacio Municipal de Exposicións Kiosko Alfonso
Foto: X.G.

Infogauda / A Coruña 

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou “a autores como Xavier Vilató que fan que desde outras olladas e perspectivas a cultura galega se siga enriquecendo”. Fíxoo nunha visita, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, á exposición sobre o legado do artista no Palacio Municipal de Exposicións Kiosko Alfonso, que está aberta ao público ata o vindeiro 26 de febreiro. 

 López Campos gabou “a interdisciplinariedade dun autor que se consolidou como unha figura importante na arte contemporánea”. Neste senso, a exposición acolle pinturas, pero tamén esculturas, cerámicas e gravados, a través do prisma da natureza.  A mostra, que reúne o traballo de Vilató de 1977 ata hoxe, conta cunha obra realizada especialmente en 2025 para esta exposición. 

 Así, o representante de Cultura do Goberno Galego, que tamén aproveitou para agradecer o traballo do concello e dos comisarios na posta en marcha deste proxecto, fixo fincapé “na importancia da colaboración entre institucións para que a cultura sexa ese punto de unión e de convivencia que nos permita pouco a pouco construír unha sociedade mellor”. 

 Cómpre lembrar que Xavier Vilató, sobriño-neto do pintor español Pablo Picasso e fillo do tamén recoñecido pintor Javier Vilató, continuou o legado artístico da súa familia cun estilo propio e distintivo. Formado no ámbito artístico desde moi novo, Vilató estudou en diversas institucións artísticas e desenvolveu unha carreira prolífica e diversa. A súa habilidade para traballar con distintos medios permitiulle crear unha vasta gama de obras que inclúen desde pinturas e gravados ata esculturas e instalacións. Expuxo o seu traballo en numerosas galerías e museos a nivel internacional, como París, Barcelona, Madrid e Nova York, entre outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario