Homenaxe a Gabriel Rodríguez polos seus 35 anos como director da Banda de Mougás
• Nun emotivo acto celebrado no marco do Concerto de Nadal de Santa Uxía, Banda e Concello uníronse para render homenaxe ao director Gabriel Rodríguez, quen pecha esta etapa despois de máis de tres décadas
Infogauda / Oia
O Concello de Oia e a Banda Unión Musical de Mougás celebraron este sábado un acto especial de recoñecemento a Gabriel Rodríguez, quen pechou unha etapa de 35 anos á fronte da agrupación. A homenaxe, celebrada no marco do tradicional Concerto de Nadal e coincidindo coa festividade de Santa Uxía, patroa de Mougás, reuniu a veciñas e veciños, familias, amizades e representantes institucionais nunha xornada marcada pola música e a emoción.
O evento deu comezo coa interpretación das primeiras pezas do programa musical previsto para o Concerto de Nadal. Tras esta apertura, Gabriel Rodríguez dirixiuse ao público cun breve saúdo e unha mensaxe de agradecemento, nun momento especialmente significativo ao tratarse do seu último concerto como director da formación.
Ao longo do recital, a banda incluíu tamén varias obras compostas polo propio Gabriel, entre elas Isabel Rodríguez Portela —dedicada á súa nai—, Vamos de parranda e Mágoas e ledicias, pezas moi queridas pola agrupación e pola veciñanza.
No tramo final do concerto deu comezo o momento central da homenaxe cunha intervención moi especial da Banda de Mougás. Foi Lucía Conde, sobriña do director e membro da agrupación, quen tomou a palabra en representación dos músicos. No seu discurso, destacou a traxectoria vital e musical de Gabriel, lembrando os seus inicios na banda con só sete anos: “Mentres moitos pensaban que aquel rapaz novo non ía chegar moi lonxe, o certo é que acabaches dirixindo a banda e contribuíndo a poñer Mougás no mapa, dándolle identidade, prestixio e un camiño propio”. As súas palabras deron paso á entrega dun detalle en nome da agrupación, realizada polo fillo do homenaxeado, tamén antigo compoñente da banda, quen tamén lle dedicou unhas verbas.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou que a homenaxe a Gabriel Rodríguez “non é unha despedida, senón un recoñecemento público a unha traxectoria exemplar e profundamente frutífera, que forma parte do legado do noso Concello”. Subliñou o seu labor como director, compositor, docente e referente cultural, lembrando tamén o seu paso pola Rondalla. Desexoulle inspiración para seguir creando novas composicións capaces de emocionar á veciñanza, expresando ademais o seu desexo de que poida compoñer no futuro o Himno do Concello de Oia. Ao rematar a súa intervención, a rexedora fixo entrega a Gabriel dunha placa conmemorativa en sinal de gratitude e recoñecemento público.
Tras a intervención da alcaldesa tomou a palabra o propio Gabriel Rodríguez, quen quixo lembrar os seus inicios como músico e agradecer de maneira especial ao seu irmán Leandro, “o primeiro en decatarse de que nacera para isto”. Estendeu tamén o seu agradecemento á súa familia, cunha mención afectuosa á súa irmá Mondi, e fixo un percorrido pola súa vida vinculada á banda, compartindo anécdotas que provocaron sorrisos e complicidade entre o público. Nun discurso sincero e cheo de emoción, agradeceu á Banda de Mougás todo o que lle deu ao longo destes anos e explicou a necesidade persoal e espiritual de pechar esta etapa, deixando claro que o seu vínculo coa música e coa agrupación permanecerá sempre vivo.
Despois destes momentos de grande emoción, o concerto retomou o programa coa interpretación das pezas finais, que puxeron o broche musical á velada e deron paso a unha despedida afectuosa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario