O Concello de Oia entrega 21 axudas á natalidade
• E anuncia nova convocatoria para o ano 2026
Infogauda / Oia
O Concello de Oia fixo balance da súa primeira convocatoria de axudas á natalidade, posta en marcha no ano 2025, para apoiar ás familias con nacementos ou adopcións producidas durante o ano 2024. En total, 20 familias beneficiáronse destas axudas, que alcanzaron a 21 nacementos, cun importe de 200 euros por cada menor.
Esta medida, pioneira no municipio, ten unha dobre finalidade: apoiar ás familias e contribuír á loita contra o descenso da natalidade e o despoboamento, ao tempo que se dinamiza a economía local. En total, o Concello destinou finalmente 4.200 euros a esta primeira convocatoria, que se desenvolveu con grande acollida.
O Concello de Oia anuncia que continuará con esta liña de apoio e xa contempla nos orzamentos de 2026 nos que se está a traballar, unha nova partida destinada ás axudas por nacementos ou adopcións producidas durante o ano 2025. Desta forma, a Administración local reafirma o seu compromiso coa conciliación, a cohesión social e o impulso da natalidade no municipio.
A Alcaldía destacou que estas axudas “son unha medida de apoio ás familias e, ao mesmo tempo, unha forma de impulsar o comercio local, reforzando así o compromiso do Concello co desenvolvemento e benestar da veciñanza”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario