4 de dec. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

África Sempere volve do seu retiro para cubrir a baixa de Cifuentes no Guardés 

A pivote alacantina, que quedou a vivir na Guarda dende que se retirou a finais da pasada tempada, cubrirá a baixa de Cristina Cifuentes ata que remate o curso actual 

Sempere é unha histórica do Guardés, onde pasou oito tempadas divididas en dous períodos e foi fundamental para fitos coma o título ligueiro de 2017, o subcampionato europeo de 2023 ou a liga regular do ano pasado 


África Sempere volverá do seu retiro para actuar como segunda pivote do equipo baixomiñoto
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés atopa a mellor solución posible para a ausencia de Cristina Cifuentes: África Sempere volverá do seu retiro para actuar como segunda pivote do equipo baixomiñoto. Tras finaliar a súa carreira deportiva profesional a finais do último curso, a alacantina afincada na Guarda volve á que fora a súa casa durante oito anos para cubrir unha baixa que supón un duro golpe para o plantel do Club. 

 Esta semana, o conxunto da Sangriña anunciaba unha grave lesión no nocello esquerdo de Cristina Cifuentes, unha rotura de ligamentos con afectación a outros elementos importantes da articulación pola que a pucelana deberá pasar por quirófano nas vindeiras semanas. E aínda que os detalles da súa rehabilitación non se coñecerán ata despois desa intervención, en calquera caso implicarán un período de recuperación de seis meses, o que afastará á pivote das pistas para todo o que resta da actual tempada 2025/2026. Unha noticia que non só implica a saída dunha xogadora vital para a configuración do cadro de persoal de Ana Seabra, senón que ademais deixa a María Palomo como único efectivo dispoñible na mesma demarcación. 

 Por sorte, o Club atopou unha solución moi preto da casa. A tamén pivote África Sempere volverá ao que foi o seu fogar durante oito tempadas para reforzar ao equipo nun momento crucial, coa loita polo liderado da Liga Guerreras Iberdrola aínda aberta e as esperanzas tamén elevadas polo seu desempeño na EHF European Cup. Así, a alacantina de 32 anos, que anunciara a súa retirada do balonmán profesional ao termo do pasado curso, volverá do seu retiro para seguir aportando nun proxecto que coñece á perfección e do que non chegou a desvincularse por completo estes meses, nos que continuou residindo na Guarda e seguindo de preto os resultados do equipo. 

 Sempere, histórica do Mecalia, sumará dende agora a que suporá a súa novena tempada en total no conxunto. Chegou á vila baixomiñota en 2016 para alzarse como unha das xogadoras máis destacadas dun equipo que ergueu aquel ano o seu único título ligueiro, e seguiu a colleitar éxitos ata que decidiu volver á súa casa en Elxe no ano 2021. Tras un curso en terras alacantinas, África sacou do armario a camiseta branquivermella en 2022 para vestila durante tres tempadas más, nas que protagonizou outros fitos da man do Guardés, coma o subcampionato da EHF European Cup de 2023 ou o liderado da liga regular conseguido polo equipo o ano pasado. Agora, na súa segunda vinda, non cabe dúbida de que a pivote volverá facerse notar, pois o seu regreso chega como auga de maio para reforzar a un equipo que temía afrontar unha dura segunda volta condicionada polo peso das lesións. 

 A alacantina incorporarase nos próximos días aos adestramentos co equipo, aproveitando o parón mundialista para encaixar a súa volta de maneira progresiva, e Ana Seabra espera contar con ela para os dous encontros que pecharán o ano, o mércores 17 de decembro en Elda e o sábado 20 na Sangriña ante o Balonmano Morvedre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario