25 de nov. de 2025

VIGO

O persoal de Correos intensifica a campaña en demanda de contratacións para facerlle fronte á saturación do servizo 

  A CIG denuncia un novo colapso en varias oficinas do centro de Vigo 


Foto: CIG

Infogauda / Vigo  

 O persoal de reparto de Correos da área de Vigo está a intensificar a campaña en demanda de contratacións que rematen coa escaseza de efectivos e permitan facerlle fronte á saturación deste servizo público, anunciando novas mobilizacións en Cangas e no Porriño. Dende a CIG denuncian ademais o colapso rexistrado hoxe en varias oficinas do centro de Vigo, con até 35 minutos de espera para ser atendido/a. 

 A CIG-Correos vén de comunicar a celebración de protestas este venres 28 fronte á Praza de Abastos de Cangas, na rúa Méndez Núñez, ás 10:00 horas e o vindeiro martes 2 de decembro diante do Concello do Porriño ás 11:00 horas. Precisamente a situación do servizo será abordado durante o debate dunha moción no pleno municipal cangués que terá lugar pola tarde. 

 Nos dous casos a central sindical denuncia a falta de persoal pola non cobertura tanto das vacantes como das baixas, vacacións, permisos e licencias, o que provoca a acumulación de milleiros de paquetes e de notificacións sen entregar e que está a provocar un incremento dos problemas de saúde derivados do estrés laboral.  

 Esta mesma problemática é a que padece o persoal de Correos en Vigo, onde se está a repetir o acontecido nos pasados períodos de verán e de Nadal “a pesar de que aínda non comezou nin o black Friday nin a campaña de Nadal”. Nestes momentos varias oficinas do centro da cidade rexistran até 35 minutos de espera para ser atendido/a, ao igual que na sucursal 5 das Travesas, “que conta unicamente cunha persoa e media para atender o servizo na quenda de tarde”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario