25 de nov. de 2025

PONTEVEDRA

A Subdelegación do Goberno celebra o 25N 

Homenaxe aos equipos VioGén da Garda Civil e UFAM da Policía Nacional “por posibilitar que as mulleres vivan sen medo, ou con menos medo”  

Abel Losada reivindica VioGén, “un sistema inconformista e con vocación de mellora continua, baseado na estreita colaboración policial, xudicial e administrativa”  


O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu o acto institucional polo 25N, Día Internacional sobre a Violencia contra a Muller, no que se premiou aos cinco equipos VioGén da Garda Civil e ás catro unidades de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional na provincia

Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu o acto institucional polo 25N, Día Internacional sobre a Violencia contra a Muller, no que se premiou aos cinco equipos VioGén da Garda Civil e ás catro unidades de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional na provincia, “por facer posible que as mulleres vivan sen medo, ou con menos medo”. Un premio que Abel Losada considerou “máis que merecido” e que pretende dar visibilidade “aos profesionais de uniforme verde e uniforme azul que protexen ás vítimas da violencia machista, cun compromiso que vai máis alá do deber profesional”. 

 “A Subdelegación do Goberno  organiza este acto institucional non para celebrar, senón para reafirmar o compromiso co moito que queda por facer”, afirmou Losada. Sen embargo, engadiu, sería un erro non reivindicar con orgullo o traballo  das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para que as máis de 1.900 mulleres desta provincia que están na base de datos VioGén “teñan unha vida na que sexa posible amar, traballar, coidar aos seus fillos, disfrutar da súa familia, das súas amizades, facer plans, durmir e soñar”. 

 Ao acto asistiron, ademais do coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e do comisario provincial, Juan José Díaz, o fiscal-xefe, Pablo Varela; a presidenta da Sección Cuarta da Audiencia, Cristina Navares e a fiscal delegada de Violencia, Paula Cajaraville, entre outras autoridades e representantes da sociedade e do movemento feminista. O coro a Universidade de Vigo participou no acto coa interpretación de dúas pezas musicais. A xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero, María José Rodríguez, foi a encargada de presentar o acto. 

 Losada puxo en valor os avances sociais da man do sistema integral VioGén, “que cumpre 18 anos neste 2025 e, por tanto, faise maior de idade”. Afirmou que toca ser “esixentes con VioGén, pero sen caer na tentación de amplificar a voz dos negacionistas e dos partidistas que aproveitan incidencias técnicas ou casos concretos, en quente, para tratar de sacar rédito político”, fenómenos que cualificou como “corrosivos”. Engadiu que temos que ser conscientes de que España está a vangarda mundial da loita contra a violencia de xénero, como primeiro país de Europa en lexislar integralmente hai xa dúas décadas: “isto non é unha anécdota histórica, é unha proba da calidade do noso ADN democrático”. O subdelegado incidiu en que Viogén é un “por natureza inconformista e con vocación de mellora continua”, pero, engadiu, “estamos tamén nun país que aprobou un Pacto de Estado para dotar de recursos económicos a unha loita que non podía quedar nunha mera declaración de intencións, como tantas veces ocorre con outras políticas públicas”. 

 Agradeceu a incorporación a VioGén, achegando as súas policiais locais aos concellos de Silleda, Mos, Tomiño, Baiona e Cangas e tamén agradeceu a colaboración do Colexio de Farmacéuticos para a incorporación á rede de puntos violeta dunha boa parte das 437 oficinas de farmacia da provincia, así como aos responsables provinciais da Seguridade Social, o SEPE e a Axencia Tributaria, que tamén prestan este servizo, así como o aeroporto de Vigo e os Paradores de Turismo. Fixo tamén alusión ao programa de colaboración coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de campañas institucionais polo 25N, que este ano chega aos concellos de Sanxenxo, Lalín, Pontereas, Redondela e Moaña. E, finalmente, á campaña en marcha coa Federación Galega de Balonmán para rexeitar a violencia de xénero dende as canchas deportivas. 

 O subdelegado recordou ás 38 mulleres que perderon a vida a mans dos seus maltratadores no que vai de ano, e cualificou como “escalofriante” que estemos diante do dato máis baixo dunha serie histórica na que chegou a haber 76 asasinadas nun só ano. “Son 38 mulleres que este ano perderon a vida polo feito de ser mulleres”, recalcou. 

 Losada rematou insistindo en que a loita contra a violencia machista é multifactorial e, por tanto, require do compromiso de toda a sociedade e de tódalas Administracións, polo que agradeceu “o apoio de tódalas persoas que calan nos minutos de silencio e alzan a voz o resto do tempo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario