18 de nov. de 2025

TUI

O PP DE TUI DESTAPA IRREGULARIDADES NA CONTRATACIÓN E NAS OBRAS DE CONSERVACIÓN DO ANTIGO TEATRO PRINCIPAL E ESIXE AO ALCALDE QUE DE EXPLICACIONS

Os populares revelan que unha empresa presentou tres veces o mesmo orzamento, a primeira delas antes de que se iniciase a contratación, e se limitou a cambiar a data ata que se autorizou o gasto catro meses despois. 

 O PP denuncia que o obxecto da obra centrábase en actuar polos desprendementos do inmoble fronte ao risco existente e o goberno socialista encargou uns traballos de limpeza que non atallaban os perigos da fachada 


Nico Montes, voceiro do grupo municipal do PP de Tui

Foto: Cedida


Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de destapar a existencia de presuntas irregularidades no procedemento de contratación e na execución das obras de conservación e seguridade do antigo Teatro Principal e esixe que o alcalde, Enrique Cabaleiro, dea explicacións e, chegado o caso, depure as responsabilidades políticas pertinentes. 

 Os populares lembraron que, desde o ano pasado, a fachada deste inmoble histórico está a presentar desprendementos e caídas de elementos da súa fachada sobre a vía pública co conseguinte risco para os peóns. 

 Ante esta situación, o pasado 30 de xullo de 2024, a concellería encargada do casco histórico asinou unha providencia encargando unha acta de inspección que, curiosamente, se acometeu ao día seguinte e na mesma se reclama a execución inmediata das obras de conservación, nun prazo máximo de dez días, que non se cumpríu, xa que os traballos tardaron varios meses. 

 Sorprendentemente, oito días antes desta inspección, o 22 de xullo, unha empresa presentou un orzamento de 39.200 euros -800 por debaixo do limiar para ser un contrato menor e poder adxudicarse a dedo- orientado a tarefas de limpeza interior deste teatro. 

 Posteriormente, a comisión do Pepcha reuníuse o 21 de agosto dese mesmo ano de paro o encargo dos traballos das obras de conservación e tarefas de limpieza. A continuación, a citada empresa, volveu a presentar o mesmo orzamento, A citada empresa volveu a presentar o 12 de setembro o mesmo orzamento, incluso coa mesma data do 22 de xullo e comprobado o erro, supomos, presentan por terceira vez o mesmo orzamento de actuacións no concello o 14 de outubro, desta volta si, corrixindo a data do 22 de xullo, pola do 22 de agosto para informar favorablemente. Para completar este proceso cheo de irregularidades, que semella orientarse a unha contratación ad hoc, o 20 de novembro a Secretaría avala a realización dun contrato menor de emerxencia, malia que xa pasaran catro meses, para rematar coa autorización do gasto o 10 de decembro e a presentación da factura en Intervención só nove días despois “nun exercicio de dilixencia que non se vira ata a data no Concello de Tui”, ironizaron desde o PP tudense. 

 Pero ademais destas irregularidades na contratación dun orzamento presentado antes de que se iniciase o proceso, os populares tamén indicaron que as obras encargadas polo goberno socialista e orientadas á limpeza, non se correspondían para nada coas necesidades do teatro “nun exercicio máis do que semella unha contratación moi estrana e sospeitosa”, xa que non se executaron tarefas claves indicadas pola arquitecta no seu informe nin aprobadas pola comisión do PECHA, como: 

• a retirada dos elementos en perigo de desprendemento das cornixas, 

• a protección dos muros para evitar a entrada de auga, 

• e o apuntalamento das estruturas inestables, que só se fixo recentemente, despois de que se producisen novas caídas de pedras. 

 “Este edificio é un perigo real para os veciños, e en lugar dunha solución seria e urxente, o que temos son manobras irregulares e traballos mal feitos que non serven para garantir a seguridade nin conservar o patrimonio”, denunciou o voceiro do PP, Nico Montes. 

 Os populares consideran “intolerable” que se manipulen os prazos e os procedementos administrativos para favorecer a determinadas empresas e que, ao mesmo tempo, non se actúe con rigor nin responsabilidade ante o deterioro dun inmoble tan emblemático. 

 “Os veciños merecen explicacións e unha actuación inmediata e transparente. O que pasou co Teatro Principal é unha mostra máis da mala xestión e da falta de control do goberno local”, concluíu Montes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario