A Urban Trail Night Eurocidade reunirá a máis de 700 atletas este sábado nunha proba única entre dous países
• Sairá ás 19.30 h (ES) de Valença. A meta situarase no Paseo da Corredoira. Haberá dúas distancias 8kms e 16 kms
Foto: C.T.
Infogauda / Tui
Todo preparado na Eurocidade Tui-Valença para recibir este sábado ás máis de 700 persoas que van participar nunha proba única que sorprende cada ano como é a Urban Trail Night Eurocidade que celebrará a súa novena edición.
Este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o vereador de Desporto de Valença, Óscar Silva; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; e os organizadores, Serafín Martínez e Justi Peixoto, deron a coñecer todos os detalles deste evento deportivo.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que “somos o único territorio transfronteirizo de Europa que ten un calendario conxunto de actividades culturais e deportivas” engadindo que “isto forma parte dunha realidade social” que nos impulsa ás administracións a desenvolver proxectos de forma conxunta.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, que confirmou a súa participación este sábado na Urban, indicou que se trata dunha “proba única” que aspira a acadar os 1.000 participantes. No mesmo senso se pronunciou o vereador de Desportos de Valença, Óscar Silva, indicando que de “desenvolver nun territorio único na península ibérica”. Pola súa parte o xefe territorial de Deportes, Daniel Benavides, que tamén participará este sábado referiuse á Urban Trail Night coma unha “proba referente” destacando a importancia do traballo conxunto que realizan Tui e Valença.
Serafín Martínez, director deportivo da carreira, e Justi Peixoto, membro da organización, salientaban que con máis de 700 persoas inscritas de Galicia, Asturias, Madrid, Portugal,…, baten récord de participación, coa aspiración para vindeiras edicións de acadar o millar de deportistas. Cada ano o percorrido que pasa pola fortaleza de Valença, a vella ponte internacional, o conxunto histórico de Tui, e distintos espazos naturais da Eurocidade presenta novidades que sorprenden aos corredores e corredoras.
A saída terá lugar o sábado, ás 19.30 h, do Centro Coordenador de Transportes de Valença, e tras un percorrido de 8kms ou 16 kms, a liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui.
As inscricións pecharanse hoxe mércores ás 23.59 h en urbantrailnight.com.

Ningún comentario:
Publicar un comentario