Recoñecemento a Alejo Diz Jurado e aos represaliados o 30 de outubro de 1936
• Colocouse unha placa na fachada do Centro de Saúde
Infogauda / Tui
Dende este xoves, 30 de outubro, unha placa na fachada do Centro de Saúde de Tui lembra a figura de Alejo Diz Jurado, médico dos pobres, home xeneroso e alcalde de Tui entre 1918 e 1922, fusilado na Alameda hai 89 anos.
No acto, incluído no Mes da Memoria Democrática, participaron numerosas persoas.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou que esta era “unha homenaxe sinxela pero chea de moito sentimento para todos tudenses” engadía que “é un merecido recoñecemento non so a Alejo Diz Jurado, senón tamén a todos os que estiveron con el o 30 de outubro de 1936 na Alameda de Tui”.
Jesús Pazo Diz, neto de Alejo Diz Jurado, tomou a palabra en nome da familia para relatar a dimensión política e médica do seu avó. Dicía así que foi “médico dos pobres en grao superlativo”. Pazo Diz explicou que o seu avó foi “represaliado, condenado a morte e fusilado pola súa traxectoria política”. Na súa intervención tivo amais un recordo emocionado para as outras cinco persoas que coma Alejo Diz Jurado foron fusiladas na Alameda o 30 de outubro de 1936: Darío Álvarez Limeses, Serafín Fernández Costas, o seu fillo Julio Fernández Fernández, Manuel Domínguez León, e José Felipe Muñoz. Terminaba a súa intervención recordando as catro palabras que pronunciou o seu avó ante o tribunal: xustiza, verdade, beleza e amor.
Pola súa parte o alcalde, Enrique Cabaleiro, reafirmou o compromiso do Concello de Tui cos actos de memoria. Explicou que este acto, ao igual que os que se están a celebrar ao abeiro do Mes da Memoria Democrática, pretende “non so recuperar a memoria e o legado dos represaliados, e todo o bo que fixeron por todos e cada un de nós, senón que ademais levando a cabo este tipo de actos e recordando a súa memoria tamén nos significamos a nos mesmos como sociedade”. Repasou o rexedor tudense a traxectoria política, médica e coma escritor de Alejo Diz Jurado. Rematou afirmando que as feridas nos represaliados seguen vivas e pecharán cando se faga verdadeira xustiza e cando coma sociedade “amosemos o noso compromiso coa súa memoria e o seu legado”. A continuación na Alameda de San Domingos tivo lugar a colocación dun ramo flores no monumento aos represaliados, obra do escultor Silverio Rivas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario