Tomiño, pioneiro na recollida porta a porta de biorresiduos para produtores singulares
• O Concello presentou aos produtores este servizo innovador que mellorará a xestión dos residuos e permitirá cumprir cos obxectivos ambientais marcados pola normativa europea
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Nun momento no que Europa acelera a transición ecolóxica, Tomiño avanza con decisión cara a un sistema de residuos máis eficiente, moderno e sostible. O Concello vén de manter unha reunión informativa cos posibles produtores singulares para presentar o novo servizo de recollida de biorresiduos porta a porta que planea poñer en marcha nas próximas semanas para este sector. Unha alternativa voluntaria pensada para facilitar a xestión deste tipo de restos a aqueles produtores que non poidan empregar composteiro individual ou comunitario.
Este novo modelo chega nun contexto marcado pola normativa autonómica e estatal, que traspón a directiva marco europea e fixa obxectivos claros e obrigatorios de reutilización e reciclaxe: alcanzar o 55% neste 2025, o 60% en 2030 e o 65% en 2035. Para adaptarse á normativa e seguir sendo un concello referente en xestión sostible, Tomiño está traballando para renovar o seu servizo municipal de residuos con novas ferramentas e sistemas.
A alcaldesa, Sandra González, subliñou que co novo modelo de xestión de residuos “estamos a dar un paso fundamental para situar a Tomiño no camiño que marcan Europa e a normativa estatal. Un modelo que nos permitirá optimizar recursos, mellorar o servizo de recollida e xestión e seguir avanzando cara a unha vila máis verde, responsable e comprometida co futuro”.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, destacou a importancia desta nova fase. “A recollida porta a porta de biorresiduos para produtores singulares é unha oportunidade para facilitar a súa xestión diaria, reducir o que vai ao colector de resto e transformar a materia orgánica en recurso. Con estes primeiros pasos imos construíndo un sistema máis eficiente e máis sostible para toda a veciñanza”, recalcou.
Dentro da posta en marcha deste servizo de recollida de biorresiduos para produtores singulares e como primeiro paso cara ao novo modelo de xestión dos residuos, o Concello está a renovar os medios materiais necesarios para implantalo, entre eles dous novos camións, o de biorresiduos e o de voluminosos e un punto limpo móbil para residuos especiais, adquiridos co apoio da Xunta de Galicia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, dentro das actuacións destinadas á mellora dos residuos municipais. Trátase dun proxecto que suporá un investimento de máis de 162.000 euros dos que se subvencionarán arredor de 121.000 euros.
A rexedora concluíu lembrando que “o éxito do novo modelo depende da colaboración e da participación activa dos sectores implicados”, e animou a produtores e establecementos a sumarse á iniciativa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario