A alcaldesa de Ponteareas suspende o pleno polas protestas das traballadoras do SAF, que van pasar a noite pechadas no Concello
• A rexedora negouse a abordar ao comezo da sesión a moción presentada pola oposición reclamando a rescisión do contrato coa concesionaria
Foto: CIG
Infogauda / Ponteareas
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, optou hoxe por suspender o pleno municipal ordinario para continualo a porta pechada no seu despacho ante as protestas das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que van pasar de novo a noite pechadas no Concello. A rexedora do Partido Popular negouse a aceptar a proposta da oposición de abordar ao comezo da sesión a moción na que se reclama a apertura urxente dun expediente de extinción de contrato polos graves incumprimentos de Óbolo, a empresa concesionaria.
Os tres grupos da oposición tomaron a palabra ao inicio do pleno para solicitar unha cuestión de orde no sentido de tratar ao principio a proposta e non ter que agardar até o punto 28º, ao que a alcaldesa se negou asegurando que a sesión se ía desenvolver tal e como estaba prevista. Esta actitude acendeu os ánimos das afectadas, que comezaron a reclamar a berros unha solución a un conflito laboral que acumula xa 61 días de folga, demanda á que tamén se sumou a oposición ao completo.
Castro chamou ao orde en tres ocasións e apresurouse a suspender o pleno para continualo a porta pechada no seu despacho, tras o que as traballadoras decidiron permanecer no salón, onde pasarán a noite unha vez máis en sinal de protesta.
Dende a CIG denuncian que en todo este tempo de conflito a compañía aínda non foi quen de presentar na mediación a documentación xustificativa da correcta cotización e rectificación das nóminas con diferenzas salariais que volveron rexistrarse no mes de outubro.
“Óbolo atrasou a súa comparecencia na mediación solicitada no AGA até 15 días no mes de novembro, e onte volveu presentarse na reunión sen xustificación. De igual xeito, unha empregada compareceu na Inspección de Traballo sen documentación suficiente e clara”, explican dende a central sindical. Neste mes tampouco procedeu a constituír o comité de prevención de riscos laborais, optando por non comparecer na primeira convocatoria e vetando a presenza da asesora da CIG na segunda.
En consecuencia, as traballadoras optaron por acudir ao pleno unha vez máis para reclamar a aprobación da moción na que se insta á rescisión do contrato, e novamente pasarán a noite pechadas no Concello para denunciar o “maltrato institucional” ao que están sometidas por un Goberno local “decido a salvar a Óbolo é o seu contrato pasando por enriba dos dereitos das persoas traballadoras e das usuarias”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario