Tomiño reforza o seu compromiso coa educación cun ano de récord de recursos
• O Consello Escolar Municipal fixo balance dun ano marcado polo incremento de servizos, máis investimento e melloras nos centros educativos
Infogauda / Tomiño
A realidade educativa dun concello mídese tamén nos espazos onde se coida o que non sempre se ve: desigualdades, barreiras, dificultades silenciosas que condicionan o presente e o futuro da infancia. Con esa idea enriba da mesa, o Consello Escolar Municipal de Tomiño fixo balance dun ano no que o municipio volveu situar á infancia e mocidade e ás familias no centro das políticas públicas, consolidando programas clave e ampliando recursos.
É o caso do servizo Encaixa-T, prestado por Aldeas Infantiles, que atendeu este ano 28 menores fronte aos 25 do 2024 e no que se investiron 37.000 euros, dos que 18.000 euros foron achegados con fondos propios do Concello. Entre as actividades desenvoltas destacan o apoio escolar, obradoiros artísticos e creativos e de competencias esenciais, saídas e tempo de lecer, sesións de atención psicolóxica e xornadas de participación familiar. Ademais, mantívose en funcionamento a aula de estudo no mesmo horario semanal.
O Concello reforzou tamén as axudas SEAF, destinadas a evitar situacións de desigualdade mediante o acceso a material escolar, comedor, actividades e apoio puntual. En total, 83 menores recibiron axudas e investíronse máis de 8.000 euros só en material escolar. A coordinación con ANPAs e centros educativos permitiu manter a atención constante a 19 familias, incluíndo a dotación de material complementario (cadernos, libros de lectura, funxible) e material específico para educación infantil.
Pola súa banda, o servizo de Atención Temperá con sede no Espazo Isaura Gómez acompañou 180 menores de 0 a 6 anos ao longo de 2025 nun modelo centrado na intervención temperá e o traballo con familias e contorna. O equipo profesional está formado por 2 logopedas, 2 psicólogas e 1 fisioterapeuta e artella o proceso desde a acollida e valoración ata o seguimento e intervención individualizada.
Ademais, o Concello investiu máis de 40.000 euros en actividades extraescolares, das que se beneficiaron 241 menores, e a programación de verán consolidouse con máis de 50.000 euros investidos, 15 actividades e máis de 600 menores inscritos, converténdose nun dos programas municipais con maior demanda.
Todos estes servizos complementáronse co investimento en infraestruturas educativas superou os 100.000 euros, permitindo actuar en 13 aulas de escolas unitarias, 5 centros de primaria, 2 escolas infantís e o IES Antón Alonso Ríos.
En paralelo, o Concello enviou tres escritos á Consellería de Educación, á AXI e á Xefatura Territorial de Infraestruturas reclamando melloras de seguridade viaria e mantemento de marquesinas nos entornos dos CRA de Forcadela, Barro e Carregal, así como nas estradas autonómicas que atravesan o municipio.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este balance mostra un modelo educativo que non se limita ás aulas: é un compromiso transversal que pon a protección e o desenvolvemento da infancia como prioridade municipal real e constante. Cada euro investido nestes programas é unha defensa do presente e do futuro dos nosos nenos e nenas. Seguiremos ampliando recursos, reforzando servizos e esixindo ás administracións competentes as melloras que Tomiño merece”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario