26 de nov. de 2025

TOMIÑO

Vinte propostas para desfrutar do Nadal máis especial en Tomiño  

  O Concello comezará o 7 de decembro unha intensa programación con actividades para todos os públicos que se estenderá ata o 6 de xaneiro 


O 7 de decembro dará o pistoletazo de saída ao #NadalMáisEspecial coa proxección do videomapa na fachada da Casa do Concello
Foto (de 2024): C.T.
 

Infogauda / Tomiño

 Nun tempo no que todo parece correr máis rápido do que podemos seguir, Tomiño propón unha revolución tranquila: un Nadal para respirar fondo, recuperar a calma e celebrar o encontro. Así arranca a ampla programación municipal do Concello que, con case vinte actividades para todos os públicos, converterá a praza do Seixo e a súa contorna no gran punto de encontro destas festas. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “preparamos un Nadal pensado para a xente e coa xente, un programa que combina tradición, creatividade e vida comunitaria nun momento no que todos precisamos parar un pouco e volver ao esencial”. A rexedora recalcou que dende o Concello “apostamos por un Nadal sostible, local e accesible, no que cada actividade se converta nun espazo para compartir, celebrar e fortalecer os lazos que nos unen como comunidade”. 

 O 7 de decembro dará o pistoletazo de saída ao #NadalMáisEspecial coa proxección do videomapa na fachada da Casa do Concello e o acendido das luces ás 19.00 h, marcando o comezo oficial dun mes de celebración, creatividade e participación veciñal. 

Un Nadal para compartir en familia 

 O programa familiar traerá propostas tan diversas como o II Concurso de Árbores Ecolóxicas de Nadal (19 de decembro), obradoiros creativos (xabóns, chapas, manualidades e contacontos) os días 22, 23 e 24 de decembro, ademais do sorprendente Desfile da Galiña dos Ovos de Ouro (29 de decembro) polas rúas de Tomiño. Os días 3 e 4 de xaneiro haberá inchables e obradoiros de pintacaras e o 6 de xaneiro Tomiño recibirá ás Súas Maxestades na tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá parroquias e rematará na praza do Seixo. 

Música para envolver o Nadal 

 A música tamén terá un papel central con actuacións como a da Rondalla de Valladares (20 de decembro), o Concerto de Nadal da Agrupación Musical de Goián (21 de decembro), a Gramola Gominola (26 de decembro) e un Concerto Especial de Nadal de La Patrulla seguido de  disc-jóckeys en colaboración cos locais nocturnos e a Asociación Colibrí (27 de decembro). Tampouco faltará o xa emblemático Concerto Coral con chocolate quente de balde (28 de decembro) nin o desfile cheo de ritmo de Latexo Percusión (30 de decembro). 

A mocidade, protagonista 

 O Concello incluíu nesta programación de Nadal un apartado específico para a mocidade no Espazo Isaura Gómez, con obradoiros de decoración e papiroflexia o 13 de decembro e un Campamento Dixital de Nadal os días 22 e 23 de decembro. 

Nadal en forma 

 O ano despedirase en forma coa primeira edición do Clinic de Nadal 2025, unha colaboración entre o Concello e o R.C. Celta que combina deporte, diversión e aprendizaxe ao tempo que permite a conciliación nas vacacións escolares de Nadal, e a II Carreira de San Silvestre, que xa ten abertas as súas inscricións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario