24 de nov. de 2025

TOMIÑO

O Concello de Tomiño e o RC Celta colaboran para traer o primeiro Clinic de Nadal ao municipio  

 Forma parte dunha liña de colaboracións estratéxicas para ampliar as oportunidades deportivas, educativas e sociais. Será os días 22, 23, 24 e 26 de decembro en horario de mañá  




Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, en colaboración coa Fundación RC Celta, pon en marcha a primeira edición do Clinic de Nadal 2025 no municipio, unha iniciativa que combina deporte, diversión e aprendizaxe durante as vacacións escolares. Esta actividade forma parte dunha nova liña de colaboracións estratéxicas entre o Concello e o RC Celta, que se irán anunciando ao longo do ano, co obxectivo de ampliar as oportunidades deportivas, educativas e sociais para a mocidade do municipio, promovendo hábitos saudables, valores de equipo e formación integral a través do deporte. 

 Cun horario de 09.30 a 14.00 durante o días 22, 23,24 e 26 de decembro, o Clinic desenvolverase nos tres campos de fútbol do municipio: O Alivio (22 e 23), O Lito Oliveira (24) e A Carballa (26), ofrecendo ás rapazas e rapaces a oportunidade de coñecer e desfrutar de todas as instalacións deportivas locais. Rematarase con unha emocionante ceremonia de clausura que pechará a actividade da mellor maneira.  

Prezos e descontos especiais para rapaces federados nos clubs locais 

 Todos os nenos e nenas federados nos clubs do Concello (AD Tomiño, Tomiño FC, Goián CF e Tomiño FC Feminino) poderán beneficiarse dun desconto do Celta por club conveniado, reducindo o prezo inicial de 105 € a 94,50 €. Ademais, o Concello de Tomiño sumará un desconto adicional de 15 €, deixando o prezo final en 79,50 € para todos os rapaces federados no Concello. Esta medida reflicte o compromiso do Goberno local por apoiar o deporte de base, garantir acceso igualitario á formación deportiva e ofrecer experiencias enriquecedoras para a mocidade. 

Un campamento formativo, divertido e inesquecible 

 O Clinic contará con adestradores titulados, agasallos para os rapaces e outras sorpresas que se irán desvelando ao longo dos días, facendo que os nenos e nenas vivan unha experiencia única que levarán para o recordo. Será unha semana na que se combinarán adestramentos de calidade, actividades lúdicas, competicións e momentos de convivencia que fomentan valores educativos e sociais. 

Inscricións abertas e limitadas 

 As inscricións están abertas e son limitadas. Unha vez feita a compra na web oficial da Fundación RC Celta, como confirmación recibirase un correo electrónico co enlace para acceder ao formulario de datos, que debe completarse correctamente para que a inscrición quede validada

Ningún comentario:

Publicar un comentario