24 de nov. de 2025

TOMIÑO

Tomiño prepárase para unha fin de semana cultural de premio  

•  ‘As gardiás’ (Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas) e ‘Brancaneves’ (Premio Max 2023) traerán ao auditorio de Goián, reflexión, maxia e risas  




Infogauda / Tomiño  

 O teatro chegará novamente a Tomiño esta fin de semana cunha programación de premio que mestura reflexión, emoción e diversión para todas as idades con dúas propostas escénicas que encheran o escenario do auditorio de Goián de historias que conmoven, fan rir e invitan a pensar. 

 O sábado 29 de novembro ás 21:00 horas será ‘As gardiás’, de Teatro de Ningures, unha obra para público adulto que mergulla na vida de Rosa, unha muller en cadeira de rodas, e tres amigas xubiladas que loitan por manter a súa independencia fronte á proposta de ingresar nunha residencia. A peza, galardoada co Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas, reflexiona sobre os coidados e o valor da comunidade, abrindo un necesario debate sobre os novos modelos de autoxestión vital. As entradas teñen un prezo de 5 euros. 

 Xa o domingo 30 de novembro, ás 17:30 horas, lucirá no escenario ‘Brancaneves’, de Chana Teatro, un espectáculo para todos os públicos que adapta o conto clásico ao teatro de obxectos cun enfoque cómico, poético e máxico. Esta obra, recoñecida co Premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, promete encantar a grandes e pequenos a través do humor, a música e a poesía. As entradas teñen un prezo de 3 euros. 

 A alcaldesa de Tomiño destacou que “estas citas co teatro reflicten o compromiso do Concello por achegar á veciñanza cultura de calidade, que non só entretén, senón que tamén invita a reflexionar e a vivir experiencias únicas en comunidade”. 

 As entradas están dispoñibles por adiantado na aplicación Sporttia ou na taquilla do Auditorio unha hora antes de cada representación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario