A CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga na Atención Primaria para os días 26, 247 e 28 de novembro
• A central nacionalista considera que a última proposta da Consellaría non cumpre cos obxectivos que levaron á convocatoria do paro
Infogauda / Santiago de Compostela
Despois da intensa xornada de negociación deste luns, a CIG-Saúde acordou manter as xornadas de folga previstas na Atención Primaria para os días 26, 27 e 28 de novembro, ao entender que a última proposta trasladada pola Consellaría de Sanidade non cumpre os obxectivos que levaron á convocatoria deste medida.
Malia o aval de CSIF, CCOO e UGT, para a central nacionalista resulta insuficiente a proposta de retirar a categoría de FEAP a finais de 2029, cando a lei de medidas do ano 2022 contemplaba que a duración da categoría sería de cinco anos. Ademais queda no aire o futuro desta medida se non funciona a voluntariedade.
Sobre as condicións retributivas dos PAC, a Consellaría retira unha proposta feita en días previos de mellorar a retribución da xornada complementaria incentivada das 160 ás 140 horas. Esta oferta desaparece da acta de acordo.
Sobre os cómputos de xornada dos PAC, os organizacións sindicais asinantes aceptaron quitar da acta final as melloras negociadas durante o día de onte, adiando a negociación á Mesa Sectorial e conformándose con que se modificará o aplicativo con efectos de 1 de xaneiro de 2026.
Ao longo de toda a negociación, a CIG-Saúde deixou claro que non podía aceptar que, no contexto actual, non se fale dun verdadeiro Plan de Ordenación dos Recursos Humanos que permita crear unha mínima expectativa no desempeño profesional na Atención Primaria. CIG-Saúde entende que sen esa expectativa de mellora non hai voluntariedade que permita avanzar na solución dos problemas actuais.
No relativo á modificación do sistema retributivo, o acordo non recolle que no referente ao pago por TIS se teña en conta a complexidade das e dos pacientes para todas as categorías.
Por todas estas razóns, a CIG-Saúde non pode avalar un acordo coa Consellaría de Sanidade e mantén a convocatoria de folga do mércores 26 de novembro e a mobilización ás 11 horas diante do SERGAS (complexo administrativo de San Lázaro), ademais das dúas xornadas de folga dos días 27 e 28 de novembro.
A central sindical anima o persoal a secundar a folga -que afecta a todas as categorías- e as mobilizacións en demanda de condicións laborais dignas e para reclamar medidas que garantan un modelo de Atención Primaria de futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario