A CIG censura a actitude “despótica e provocadora” da alcaldesa de Ponteareas coas traballadoras do SAF
• A central denuncia que “Castro dedícase a acosar o persoal en folga, chegando hoxe a empuxar e golpear a unha empregada que participaba no peche iniciado onte no Concello”
Foto: CIG
Infogauda / Ponteareas
A CIG censurou hoxe a actitude “despótica e provocadora” da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan 62 días en folga ante os graves e continuos incumprimentos da concesionaria. A rexedora dedícase dende hai dúas semanas a acosar o persoal para intentar invisibilizar as súas protestas, chegando esta mañá a empuxar e golpear a unha traballadora coa contra dunha fiestra para forzala a abandonar o peche que un grupo de folguistas mantiña no interior do Concello dende onte pola noite.
Dende a central sindical condenan este incidente que lle provocou traumatismos no brazo á empregada do SAF, tal e como recolle o parte de lesións coa que a afectada presentará unha denuncia na Garda Civil esta mesma tarde. Ao tempo que lamentan que no canto de buscar unha solución ao conflito derivado dos graves incumprimentos laborais da empresa -que mesmo motivaron sancións da Inspección de Traballo e do propio Concello-, a rexedora do Partido Popular optou dende hai 15 días por buscar o enfrontamento directo coas traballadoras en folga.
Castro intentou en varias ocasións que abandonasen a entrada do consistorio de malos modos, mesmo procedendo a pechar a porta pola forza, para que non se escoitasen as súas reivindicacións no interior do edificio. Neses momentos de tensión as empregadas mantiveron a calma en todo momento, a pesar do cinismo e das faltas de respecto coas que se dirixiu a elas a responsábel municipal nun claro intento de provocalas.
Ademais, a rexedora non dubidou en mentirlles cando lle pediron que dese explicacións sobre as xestións que está a facer o Goberno local de cara á resolución do contrato con Óbolo, asegurando que estaba presentada a demanda no TSXG e insistindo en que o Concello non vai rescindir o servizo coa concesionaria mentres non haxa unha resolución xudicial. “Cuando el juzgado diga que hai que rescindir el contrato, entonces se rescinde”, asegurou Castro, que sostivo tamén que o asunto xa estaba no xulgado.
Mais cando as traballadoras lle pediron que lles achegase unha proba de que isto era certo recoñeceu primeiro que non existe unha proba física e despois que non se fixera tal xestión “porque el asesor jurídico creyó que íbais a llegar a un acuerdo”. Por se isto fose pouco, cando unha empregada lle preguntou se tiñan entón que seguir traballando sen que se lles pagasen as nóminas correctamente -como aínda acontece a día de hoxe- e sen que se respecten os seus dereitos, a alcaldesa chegou a dicirlles que poden seguir de folga indefinidamente.
Denuncia contra a alcaldesa
“O que están a facer con nós frustrante, indignante e humillante”, lamentan as afectadas. Mentres que dende a CIG consideran que o xeito de proceder da máxima responsábel municipal amosa unha total “falta de escrúpulos” e un “absoluto desprezo” polas traballadoras dun servizo esencial como o SAF.
“No canto de velar polos seus dereitos esixíndolle á empresa que cumpra -cando aínda nin xustificou a regularización da infracotización diante da Seguridade Social- dedícase a criminalizar e acosar as empregadas”, censuran.
Un acoso que hoxe mesmo foi a máis, até o punto de presentarse a primeira hora da mañá no salón de plenos -onde as traballadoras permanecían pechadas dende a suspensión do pleno de onte no que a alcaldesa se negou a abordar ao inicio da sesión a moción para rescindir o contrato- chegando a empurrar a unha traballadora e golpeándoa en varias ocasións coa contra de madeira dunha ventá. Tras isto a afectada decidiu presentar unha denuncia contra a rexedora diante da Garda Civil, que formalizará esta mesma tarde.
Castro tamén intentou sacar coas súas propias mans as pertenzas das empregadas do interior do salón, dirixíndose a elas en varias ocasións en ton altivo e ameazante. Posteriormente solicitoulle á Policía Local que procedese ao desaloxo, que se produciu sen incidentes tras a identificación policial de sete traballadoras, que foron advertidas dunha denuncia penal.
“O xeito de actuar de Castro é tan absurdo que lles recrimina ás empregadas que reclamen deste xeito os seus dereitos (“las cosas no se arreglan así, sino hablando”) cando despois lles nega a posibilidade dunha solución e non permite nin que se trate como primeiro punto do pleno a moción na que se solicita a resolución do contrato; sen esquecer que até o de agora só se reuniu con elas nunha ocasión, para dicirlles que non van rescindir o servizo con Óbolo; e o único que fai agora é increpalas e provocalas, pero non as convoca a falar. Mentres a empresa segue a incumprir e a desprezar a mediación”, critican na CIG.
Finalmente, dende a central sindical sinalan como unha proba máis deste “delirio” no que está instalado a alcaldesa de Ponteareas o comunicado institucional que vén de facer público a través das redes sociais do Concello, no que teima en presentarse como unha vítima e acusa de “machismo” tanto aos grupos da oposición como ás propias traballadoras, ás que responsabiliza precisamente dos comportamentos que ela mesma está a protagonizar dende o inicio do conflito. O comunicado reproduce ademais os argumentos que o PP utiliza a nivel nacional na súa estratexia de criminalización da loita obreira e das lexítimas reivindicacións da clase traballadora organizada na CIG.

Ningún comentario:
Publicar un comentario