A cultura toma o Rosal cunha fin de semana de música solidaria e teatro irreverente
• Dúas citas imprescindibles no auditorio municipal: concerto a favor da asociación Fibrose Quística de Galicia e a hilarante peza ‘De algo hai que morrer’ de Malasombra Producións
Infogauda / O Rosal
A emoción soa e a risa retumba. Esta fin de semana, O Rosal volve converterse nun epicentro cultural cunha programación que promete tocar o corazón e que o público estale en gargalladas a partes iguais.
O sábado 8 de novembro ás 19:30 horas, o Auditorio do Rosal acollerá o concerto solidario a favor da Asociación de Fibrose Quística de Galicia, ofrecido pola Agrupación Musical do Rosal baixo a dirección de Javier Alonso Pérez. Enmarcado no circuíto Culturea da Deputación de Pontevedra, o evento invita a desfrutar da música coa posibilidade de colaborar coas persoas afectadas por esta enfermidade a través dunha fila cero, dispoñible mediante conta bancaria ou Bizum enviando o código 06240.
A programación continuará o domingo 9 de novembro ás 19:00 horas co espectáculo teatral ‘De algo hai que morrer’, de Malasombra Producións, dentro do programa +Escénicas. Unha conferencia fúnebre, cómica e teatral na que os peculiares científicos profesor Jeckill e profesor Hyde compartirán as súas disparatadas investigacións sobre a morte: a única certeza que nos iguala a todos.
O humor negro, a reflexión e o disparate cruzaranse nunha peza que aborda temas como a inmortalidade, as maneiras de morrer, as execucións, a vida despois da morte ou a posibilidade moi real de morrer de risa durante a función. A entrada será de balde ata completar a cabida.
“A cultura continúa a ser un dos motores fundamentais do Rosal. Esta fin de semana combinamos música, compromiso social e teatro profesional para ofrecer propostas diversas e de calidade. Queremos que toda a veciñanza atope o seu lugar na axenda cultural do municipio”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Ningún comentario:
Publicar un comentario