Os ‘Cafés en Igualdade’ súmanse ao 25N para plantar cara á violencia machista
• A educadora social Angelina Gándara afondará na cultura da violación este xoves 27 ás 17.00 h na tapería A Praza
Infogauda / O Rosal
Romper silencios, cuestionar o aprendido e mirar de fronte aquilo que a sociedade tende a normalizar. Esa é a proposta coa que o Concello do Rosal suma unha nova cita dos ‘Cafés en Igualdade’ á programación do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, convidando á veciñanza a reflexionar arredor da charla ‘A cultura da violación. A violencia que a sociedade normaliza’, impartida pola educadora social de AGA Formación, Angelina Gándara. O encontro terá lugar o xoves 27 de novembro ás 17.00 horas na tapería A Praza, no Calvario, con entrada libre e de balde.
A iniciativa insírese na semana dedicada á loita contra a violencia machista, un tempo para seguir revolucionando mentes visibilizando, aprendendo e compartindo ferramentas que permitan detectar e desactivar dinámicas que, ás veces, pasan inadvertidas pero sosteñen desigualdades e violencias.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que esta nova sesión “é unha oportunidade para parar, pensar e recoñecer os mecanismos culturais que facilitan a violencia contra as mulleres. Se queremos un Rosal máis libre e máis xusto, temos que seguir abrindo espazos de diálogo e formación que axuden a transformar a ollada colectiva”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou que os ‘Cafés en Igualdade’ “consolidáronse como un punto de encontro imprescindible para a veciñanza. Son conversas próximas, accesibles e necesarias, que conectan a teoría coa vida cotiá. Neste 25N queriamos dar un paso máis e abordar de maneira directa unha das raíces máis profundas da violencia de xénero”.
Os ‘Cafés en Igualdade’ son encontros mensuais que tratan cuestións de actualidade desde diferentes perspectivas, sempre con vontade de aproximarse ás situacións reais que vive a cidadanía. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, e continúa medrando como unha proposta que combina educación, participación cidadá e compromiso social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario