O Rosal Enerxía bota a andar cun éxito rotundo e máis de 100 persoas asistentes
• O Concello promove un modelo enerxético máis sostible, participativo e eficiente e achega alternativas de aforro á veciñanza
Infogauda / O Rosal
A Sala Polivalente do Concello do Rosal quedou pequena no acto de constitución do Rosal Enerxía, a nova comunidade veciñal de enerxía que nace co obxectivo de promover o aforro, a soberanía enerxética local e a participación activa da veciñanza. O encontro contou coa presenza de máis de cen persoas, confirmando o enorme interese social por avanzar cara a un modelo enerxético máis xusto, colaborativo e sustentable.
Compromiso municipal e futuros proxectos
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o apoio firme do Concello á comunidade enerxética e avanzou que o municipio seguirá impulsando iniciativas que melloren a autosuficiencia enerxética, incluíndo a futura instalación dun sistema fotovoltaico sobre o pavillón municipal do Rosal, que poderá converterse nun dos primeiros proxectos compartidos da comunidade.
“Este é un día histórico para O Rosal. Hoxe demostramos que cando a veciñanza se organiza e decide tomar parte activa na transición enerxética, todo é posible. O Rosal Enerxía nace con forza, con ilusión e cun compromiso compartido: producir mellor, consumir mellor e avanzar cara a un modelo sostible que pon ás persoas no centro”, afirmou a rexedora. Tamén subliñou que este tipo de iniciativas “permiten democratizar a enerxía, abaratar custos ás familias, reducir a pegada ambiental e crear comunidade. O Concello estará ao lado desta entidade desde o primeiro día, porque o éxito do Rosal Enerxía é tamén o éxito de todo o pobo”.
Unha xornada con contidos prácticos e participación activa
A sesión foi conducida polo equipo da Oficina da Enerxía, coa participación de Francisco Prol, Rodrigo López Piquín e Mario Gómez, que guiaron un debate aberto, dinámico e moi enriquecedor para o público. Na primeira parte do acto, Francisco Prol abordou conceptos básicos do funcionamento do sistema eléctrico e compartiu consellos clave para aforrar enerxía no día a día, nunha intervención moi valorada polos asistentes.
A continuación, Rodrigo López presentou os estatutos da nova entidade, explicou o funcionamento dunha comunidade cidadá de enerxía e introduciu o modelo de consumo agrupado, que permitirá ás persoas socias realizar compras conxuntas de enerxía e reducir de forma significativa o custo das súas facturas.
Primeiros pasos da directiva
A boa acollida do acto tamén se reflectiu na participación: sete persoas amosaron o seu interese en formar parte da primeira directiva do Rosal Enerxía. Os cargos serán definidos nunha reunión posterior, unha vez completado o proceso de incorporación de socias e socios.
Xa te podes facer socio/a
O proxecto continúa avanzando e calquera persoa interesada xa pode facerse socia de O Rosal Enerxía a través do formulario dispoñible na web: https://orosal.enerxia.eu
As actividades están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario