CIG-Administración convoca concentracións nos edificios da Xunta por unha suba salarial digna para o persoal empregado público
Infogauda / Galiza
A CIG-Administración Pública ten convocadas para este mércores, 19 de novembro, concentracións diante dos edificios da Xunta das sete cidades para denunciar o empobrecemento do persoal empregado público e o deterioro continuo dos servizos públicos. As concentracións convócanse no marco do debate parlamentar da lei de orzamentos de Galiza e da lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2026, que non inclúen melloras nas condicións económicas nin de traballo do persoal ao servizo da Xunta.
As concentracións serán ás 11:00 horas no seguintes lugares:
- Pontevedra: edificio da Xunta (Avda. María Victoria Moreno, 43). Participará o secretario nacional da CIG-Administración Pública, Luis Carballo, que fará declaración aos medios ao inicio da protesta.
- A Coruña: edificio administrativo da Xunta en Monelos (Rúa Vicente Ferrer).
- Ferrol: edificio da Xunta (Praza Amada García).
- Lugo: edificio multiusos da Xunta (Ronda da Muralla).
- Santiago de Compostela: complexo administrativo da Xunta en San Caetano (na porta da rúa Otero Pedrayo).
- Ourense: edificio da Xunta (Avenida da Habana).
- Vigo: edificio da Xunta (Praza da Estrela).
A CIG-Administración demándalle ao Goberno da Xunta a recuperación dos dereitos recortados na lei de medidas de 2012 (como os días de asuntos particulares e dereitos do V Convenio do persoal laboral); o estabelecemento dun complemento transitorio do soldo base e os trienios das pagas extraordinarias para recuperar o poder adquisitivo perdido dende o 2010; eliminar as limitacións nas contratacións de persoal substituto e interino; concursos de traslados permanentes; ou restituír o dereito á carreira profesional a todo o persoal.
As concentracións coinciden ademais coa xuntanza para a negociación dun acordo salarial que o Goberno español abriu só cunha parte dos sindicatos con dereito a representación e á marxe das mesas legalmente constituídas. Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Administración Luis Carballo, insta o Ministro de Transformación Dixital e Función Pública a convocar de xeito inmediato a Mesa Xeral de Negociación para abordar un incremento xusto para o conxunto do persoal empregado público.
Explica que a CIG reclama para este 2025 e para o ano 2026 incrementos do 5% e que se aprobe por lei unha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. A CIG presentou unha Proposición non de Lei para levar ao Parlamento galego esta cuestión, que nestes momento está na fase de recollida de sinaturas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario