18 de nov. de 2025

GALIZA

Persoal da Atención Primaria concéntrase nos centros de saúde e PAC no camiño da folga 

 Este martes desenvolveron protestas de 15 minutos e para mañá mércores está convocada mobilización diante da Consellaría  


Concentración en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Santiago de Compostela

 O persoal da Atención Primaria arrincou este martes co calendario de mobilizacións previas á folga conxunta convocada para o vindeiro 26 de novembro na Atención Primeira e que a CIG estendeu tamén aos días 27 e 28. As traballadoras e traballadores concentráronse durante 15 minutos ás portas dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC), ás 11 horas e repetirán protesta ás 18 horas.  

 Para a xornada de mañá, mércores día 19, as organizacións sindicais teñen convoca unha mobilización ás 11h diante da Consellaría de Sanidade (complexo administrativo de San Lázaro) para demandarlle a posta en marcha de medidas concretas e da súa planificación exhaustiva, “que demostren unha verdadeira decisión política de apostar por unha Atención Primaria digna para o presente e o futuro”.  

 “Esta é unha folga en defensa da Atención Primaria, que se convoca diante dunha proposta da Consellaría de Sanidade que supón dar un paso atrás no modelo e volver ao século pasado, obrigando as medicas e médicos de familia a facer a xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas no PAC”.  

 Con esta contundencia se manifestaba o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, na concentración realizada esta mañá ás portas do centro de saúde Concepción Arenal de Compostela.  Salientou que cómpre reforzar a Atención Primaria e mellorar as condicións de traballo do persoal para poder ofrecer un mellor servizo á cidadanía. Porén, a proposta trasladada pola administración na Mesa Sectorial supón “empeorar as condicións de quen xa está traballando” neste ámbito e dificulta as posibilidades de novas incorporacións “pois as persoas que queiran traballar na sanidade pública non optarán pola Atención Primaria”.  

 Lembrou que, ademais de precarizar as condicións laborais, esa obriga de realizar gardas en PAC provocará que ese persoal médico, por descanso, “non estea á mañá seguinte no seu centro de saúde, incrementando así aínda máis as listas de agarda”. Por iso, as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial exixiron do SERGAS a retirada da categoría de persoal facultativo especialista da Atención Primaria “que inventaron no ano 2022 e que agora queren xeneralizar”.  

 “Para desconvocar a folga precisamos feitos concretos; non nos chega con que retiren a proposta do día 17 e non nos chega con que nos digan que conxelan esa categoría. Queremos que a retiren porque non nos fiamos”, recalcou o secretario nacional da CIG-Saúde.  

 Xunto a isto, demandou que se poña en marcha unha negociación real dun plan de ordenación dos recursos humanos para a Atención Primaria “que levamos reclamando dende o ano 2019”. Esa negociación, engadiu, tense que encarar con acordos previos sobre os puntos marcados polas organizacións sindicais na convocatoria da folga, que inclúen unha actualización do modelo retributivo de todas as categorías. “Non imos paralizar as mobilizacións só porque haxa un compromiso de negociar, a estas alturas xa non nos fiamos dun calendario que levan dous anos incumprindo”. 

 Reiterou Moreira que o obxectivo deste folga é reforzar a Atención Primaria “co modelo que defendemos (persoal para centros de saúde e persoal para PAC), a mellora das condicións de traballo de todo o persoal e garantir unha atención de calidade”.  

 Nesta liña indicou que aínda que hai categorías que presentan dificultades de coberturas, noutras áreas, como as administrativas, non existe ese problema “polo que non hai ningunha razón para que estean sobrecargadas, ou para que non haxa accesibilidade na fisioterapia e na saúde mental na Atención Primaria”.  

 Finalmente, o representante da CIG instou o conselleiro de Sanidade a “ter a visión suficiente da necesidade imperiosa de mellorar as condicións na Atención Primaria” se verdadeiramente quere evitar a folga e apostar por unha sanidade pública forte. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario