8 de nov. de 2025

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Guardés non dá opcións na ida en Byala (19-45) 

O Mecalia deu un recital este sábado no partido de ida da terceira rolda da EHF European Cup ante o HC Byala 

A pesar duns primeiros instantes que prometían un encontro máis igualado, as de Ana Seabra pronto se creceron e aproveitáronse dun rival moi desacertado no tiro e ao que deixaron sen recursos 

Elena Martínez foi protagonista, con 8 goles, así como Amandine Balzinc, quen sumou 18 paradas tan só na primeira parte. Ania Ramos sufriu unha lesión de gravidade aínda por determinar pola que mañá non xogará 

A volta disputarase este domingo, ás 15.00 hora española, no mesmo OZK Area


Momento no que Cecilia Cacheda disponse a facerse coa pelota para guindala sobre a portería local
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / Byala

 O Mecalia Atlético Guardés impón o seu xogo e sae airoso do primeiro envite búlgaro. As de Ana Seabra venceron con cifras esaxeradas este sábado ao HC Byala no encontro de ida da terceira rolda da EHF European Cup nun partido que foi todo un recital pola súa banda. Todas as xogadoras achegaron, destacando Elena Martínez con 8 goles e un 100% desde os sete metros, así como Balzinc baixo paus na primeira parte. O desacerto no tiro rival foi fundamental para o marcador folgado, que outorga moita confianza ás guardesas para a volta deste domingo, 9 de novembro, ás 15.00 horas. O resultado vese embazado pola lesión de Ania Ramos, unha torcedura de gravidade aínda por determinar, pero que con seguridade apartaraa das pistas este domingo. 

 O marcador inaugurouse pasado o segundo minuto de xogo por parte da local Melina Spasova, seguida por unha Cristina Cifuentes que servía o primeiro empate (1-1, min. 3). O Byala saíu á pista ofrecendo unha férrea defensa que pareceu pillar desprevido a un Guardés que comezara con varios erros. Un desacerto no tiro pouco característico lastrou ao Mecalia naqueles primeiros minutos, freado ademais por varias aparicións da gardameta Fatme Sali.  

 Ben entrado o primeiro parcial de cinco minutos, un acerto de Elena Martínez desde os sete metros supuxo un cambio de ritmo, e seguido por Ania Ramos, certificou o final do bloqueo galego e comezou a abrir distancia a favor das súas. A partir de entón, os goles guardeses sucedéronse e a renda estendeuse ata os seis goles, aproveitándose dunha seca búlgara que durou máis de cinco minutos (3-9, min. 13).  

 Ao equipo baixomiñoto víaselle agora cómodo sobre a pista, con todo funcionando de maneira satisfactoria. Amandine Balzinc era fundamental unha vez máis baixo paus, e o xogo de ataque desenvolvíase con soltura e con gran efectividade agora para porta. En canto á defensa, o Byala lograba penetrar en varias ocasións, pero cunha porcentaxe de acerto que comezaba a ser un lastre perigoso. Todo iso en conxunto, resultaba nunha vantaxe visitante xa moi avultada no ecuador da primeira parte (5-11, min. 15). 

 O Guardés seguiu impoñendo o seu xogo nos minutos seguintes, pero xusto entón o equipo balcánico ameazou con tomar o liderado do xogo. Tres tiros errados consecutivos nas filas galegas deron ás a un Byala que encadeou un parcial 3-0 que levou a Ana Seabra a solicitar o tempo morto, a pesar de que o luminoso demostraba unha diferenza aínda bastante segura (8-15, min. 20). 

 Reaccionaron as da Guarda e seguiron pico e pa sobre o 40x20. Os goles locais, aínda que moi celebrados nun OZK Area cheo ata a bandeira, aparecían aínda moi puntualmente, grazas a unha Balzinc que sumou 17 paradas só nesta primeira metade, Salvo por Madlen Toorova e Spasova, o desacerto entre as lanzadoras do Byala deixaba espazo ao rival para recrearse todo o que quixo. O marcador galego dobrou ao búlgaro de maneira repetida e todas as xogadoras achegaron balóns. A primeira parte terminou cun resultado case de partido final a favor das de Ana Seabra (10-23, min. 30), inflado debido a un baixo 33% de acerto e 11 perdas entre as filas locais.  

 A segunda metade seguiu practicamente a mesma dinámica, se cabe con maior superioridade guardesa aínda. O Byala marcou nada máis reiniciarse o encontro, aínda que ese sería o seu único acerto en varios minutos. Pasado o primeiro parcial, unha acción defensiva de Valeriia Arushanian levou a Ania Ramos a unha caída fea pola cal non logrou saír polo seu propio pé da pista, desembocando na exclusión do extremo dereito e nun penalti anotado por Elena Martínez (11-28, min. 36). 

 Mentres tanto, a choiva guardesa seguía sucedéndose, a pesar de que o anfitrión pareceu atopar un mellor camiño naqueles momentos. Destacou no ecuador desta segunda metade un parcial 4-0 das búlgaras que recortaba distancias, pero que non era suficiente para outorgarlle opcións aínda (16-33, min. 45).  

 A dinámica mantívose e Ana Seabra aproveitou a superioridade para dar descanso a algunhas xogadoras e rotar a outras. Rosane Serrano saíu á pista e achegou como central, dirixindo o xogo e chegando a sumar tres goles ata o final do partido. O desacerto local no tiro persistiu, co mesmo porcentaxe do 33%, polo que o Guardés seguiu crecendo sen teito e mellorou os seus propios números.  

 O encontro pechouse cun folgado marcador que superou as expectativas dun Mecalia que asistía con moita precaución (19-45, final), e que outorgaba unha gran confianza para xogar a volta este domingo, ás 15.00 (hora española) no mesmo OZK Area. 

 O balance é máis que positivo, fóra da lesión de Ania Ramos que apunta a unha escordadura ou torcedura de gravidade aínda por determinar e polo que seguramente non poderá xogar no encontro de volta. Con todo, falamos do mesmo Guardés que caeu fai catro anos contra o Antalya tras gañar con soltura na ida, aínda que, todo hai que dicilo, cun marcador que nada tiña que ver. Salvo hecatombe, o equipo baixomiñoto conta con pasar a eliminatoria, pero sen dar nada por feito e moi consciente de que todo queda por decidir, co cansazo e a ausencia dunha xogadora como ameazas importantes.   

HC Byala (10+9): Lidiya Kovacheva (5), Nia Tsankova, Yanina Trietina (1), Sonya Bogdanova (1), Andjelina Pencheva (p.), Fatme Sali (p.), Krastina Kasabova (2), Kristina Ivanova, Madlen Torodova (2), Valeriia Arushanian (1), Reni Dimova, Melina Spasova (2) e Alia Honcharenko (5). 

Mecalia Atlético Guardés (23+22): Sabina Mínguez (p.), Jazmín Mendoza (2), Blazka Hauptman (1), Lorena Téllez (5), Cecilia Cacheda (1), María Palomo (4), Rosane Serrano (3), Elena Martínez (8), Cristina Cifuentes (4), Carme Castro (1), Ariana Portillo (4), María Sancha (5), Ania Ramos (4), Anouk Nieuwenweg (3) e Amandine Balzinc (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 2-5, 4-11, 7-5, 9-18, 10-23, 11-26, 12-31, 16-33, 17-37, 18-41, 19-45.   

Árbitros: Artur Oganezov e Kaarel Raidmets. Excluíron con dous minutos ás locais Valeriia Arushanian e Sonya Bogdanova e á visitante Anouk Nieuwenweg. 

Incidencias: Partido de ida da terceira rolda da EHF European Cup, disputado no pavillón OZK Area de Byala (Bulgaria).

Ningún comentario:

Publicar un comentario