A Casa Grande de Romarigães: Alto Minho lampedusiano
Xurxo González Rodríguez / Proxecto Socheo
Por estrañas circunstancias chegou as miñas un libro moi singular que instoume a tirar de moitos fíos suxerintes. A Casa Grande de Romarigães é un libro escrito polo portugués Aquilino Ribeiro. A versión que puiden ler é una edición especial traducida ao galego que fixo a Factoría K da Editorial Kalandraka realizada en 2022. Concretamente o libro pertence á colección “Confluencia” onde a editorial edita libros de outras literaturas co fin de ser una “aperta entre linguas”. Mais outro reclamo que tiven foi a portada onde aparecía o nome de María Alonso Seisdedos, tradutora viguesa de ampla traxectoria que reside en Goián, Tomiño.
Teño que recoñecer que non sabía nada do seu autor. A chave foi o título que me levou a fisgar a contraportada e alí vin que o argumento da novela acontecía no Alto Minho. Rapidamente fun a Google Maps e quixen saber onde se situaba a poboación de Romarigães e foi así como puiden concretar a súa localización á sombra da Serra da Arga, concretamente en Paredes de Coura.
Afondando na biografía de Aquilino Ribeiro vin que era un escritor que desenvolveu a súa actividade no 2/3 do século XX. Naceu a finais do século XIX, concretamente en Semancelhe (rexión do Norte), en 1883. Abrazou a causa republicana e mudouse a Lisboa onde estivo implicado en varios feitos revolucionarios. Unha militancia que o levaría estar durante distintos períodos no exilio en grandes capitais europeas como París ou Berlín. Combinou as crónicas sociais xornalísticas coas novelas. O seu interese fixouse na sociedade do rural, na historia e na tradición. E estas tres variables converxen no título que nos ocupa: A Grande Casa de Romarigães, escrita, tardiamente, no ano 1957. Finou en Lisboa no ano 1963.
A novela conta a evolución dun liñaxe desde o século XVII até o século XX. Enumera todas os vaivéns sentimentais dos distintos membros. A novela é moi moderna a medio camiño entre o reportaxe e o diario e ten unha estrutura de “novela río” case raiando o folletín que lembra ao seu admirado Camilo Castelo Branco e con fonduras realistas de Eça de Queizoz. A isto hai que sumar o contexto onde a narración busca o acubillo dos momentos máis determinantes deste período, desde a Guerra de Restauración portuguesa ate o colonialismo portugués a finais do século XIX. Todo se move mais hai algo que fica quieto como se fora o epicentro de todo: A Casa Grande de Romarigães. Cada parte da novela xoga coa anterior a posterior establecendo cambios de personaxes e de vicisitudes. A casa se volve nun vértice xeodésico nun referente onde ver cambiar o mundo. A narración fracturase, os personaxes sucédense, non ha continuidade. Aquilino Ribeiro é capaz de recoller a transcendencia do paso do tempo, apunta como o fluír da vida son fulgores que se esvaecen no esquecemento. E así, desta maneira, a novela recolle o espírito de cada época desde un esplendor barroco a unha melancolía fin secular. Un declive dunha proxenie que entronca co ocaso dun país, unha decadencia moi gatopardiana. Segundo as críticas: “É nacional, sen deixar de ser individual, e, sendo individual, ten credenciais para se universalizar”.
Non obstante o mellor desta novela é a súa auto-consciencia. Un elemento de gran modernidade que fai de ponde entre a creación e o espectador, entre a inspiración e o desfrute. Para iso Ribeiro nos anticipa o dispositivo. A novela ten unha introdución onde o seu autor debulla, con grande honestidade ou grande mentira (non sabemos se foi certo), como foi a súa participación na escritura. Conta como na reforma do famoso predio de Romarigães aparecen uns manuscritos destacando sobre todo tres carpetas que serán, en maior medida, de onde o escritor vai tirar os argumentos que engrosarán a historia. Mais lonxe de vana gloriarse Ribeiro emprega a modestia e quítalle importancia ao seu traballo, como se quixera establecer cal é o status quo do escritor respecto a lealdade propiciada polos documentos históricos. “-
Unha novela…? Deus me libre! A miña ambición foi ben distinta. Isto é monografía, historia local, historia novelada, como moito. Ora que novela… Arrenégote! Mal de min se escorreguei cara a tales enredos e labirintos. Na novela, o escritor escolle os episodios; na historia, os episodios véñenlle dados. Están fixados, non hai maneira de fuxirlles. Con todo, o que eu tentei foi desempoar vellos e particularísimos sucesos que, polo demais, pouco pesaron na marcha do mundo. Novela…!? Se me saíu novela, aconteceume o mesmo ca un triste e basto carpinteiro da miña terra, de quen toda a xente se chufaba, de certo por milagre desenfadado do Espírito Santo: púxose a facer un comedeiro para o can e saíulle unha guitarra”.
Facer unha desculpa tan profusa leva a certas lecturas. Por un lado facer esta declaración dálle un corpus de existencia fidedigna a un contido inventado. O proceso de atopar unhas teóricas fontes históricas sae a validar a ficción. Por outro lado a esaxeración de pedir un perdón ao espectador por semellante “pecado” fai que se produza certo distanciamento que insire a novela unha grande modernidade. Por outro lado o escritor da sinais do que esta novela pode ser e quitarlle áurea a novela. Isto tamén pode deberse ao prisma da novela, unha lectura impresionista dun liñaxe non fozando a continuidade e deixa ocos no decorrer. E finalmente emprega o humor para xa, dunha forma definitiva, sinalar que todo débese ao azar, a atopar uns manuscritos ao facer unha reforma dunha casa.
Outro elemento a ter en conta na novela é a súa maneira de empregar o espazo. O escritor emprega a casa como un embigo dun territorio maior. O espazo privado pasa a ser un espazo simbólico que estende os seus alicerces desde Coimbra ate Santiago de Compostela. Ramarigães, Paredes de Coura, está no norte e Portugal preto do Miño. Ribeiro fai que conflúan neste punto as distintas andanzas dos personaxes. O escritor manéxase, de maneira exemplar, con dinámicas fronteirizas mais en vez de buscar a separación busca a confluencia. A Casa Grande de Romarigães convértese nunha das mellores novelas transfronterizas cun claro espírito de sinalar a unidade entre Portugal e Galicia.
O Baixo Miño está moi presente mais vou dar conta da presencia da Guarda na novela. A primeira presenza é cando se fala da Guerra entre España e Portugal, cando as tropas portuguesas pasan ao outro lado do Miño “as gaivotas viñan curiosas, en voo pairado por riba do monte Santa Trega” (p. 51), Segue ao “exército do Conde de Prado. (…) tomou a estrada da Guarda (…), foron camiño de Salcidos (…) entraban en tromba na Guarda (…) un lugar pobre de pescadores. (pp. 55-56). Coas escaramuzas dos exércitos conta que “atravesaron A Guarda petrificada pola noite” (p. 61). E, finalmente, falan dun proceso da Inquisición “de veciños da Guarda foran xa ouvidas doce persoas, entre burgueses e viláns…” (p. 72) A pesares de que a Guerra de Restauración ten moito protagonismo na novela a presenza da Guarda é máis residual xa que fica nun extremo da fronteira.
A verdade é que Aquilino Ribeiro non é moi prolífico en descrición e interésalle máis o sumatorio de actos. Ribeiro intenta apabullar por acumulación e a iso tamén repercute na abondosa topografía que emprega que da a sensación de coñecer moi ben o territorio.
E así foi, A Casa Grande de Romarigães xungue os espazos da novela cos espazos vitais. Sabemos que no ano 1929 Ribeiro casa con Jeronima Dantas Machado, filla de Bernardino Machado, ex-Presidente de Portugal, que viviu exiliado na Guarda do ano 1931 a 1935. E, finalmente, Bernardino Machado volvería a Portugal en 1940 vivindo en Formariz, Paredes de Coura, ate a súa morte, no ano 1944. Viviu no Palacete de Mantelães propiedade da súa muller: Elzira Dantas Gonçalves Pereira Machado. Esta muller nacera en Río de Janeiro, mais o seu pai, Miguel Dantas Gonçalves Pereira, foi nado en Formariz. Foi un emigrante no Brasil e conseguiu unha enorme fortuna. Polo tanto a sogra de Aquilo Ribeiro pertencía a unha familia alto-burguesa, moi rica, con moitas posesións tanto en Brasil como en Portugal: unha delas foi a casa grande de Romarigães.

Ningún comentario:
Publicar un comentario