A Inspección atende unha denuncia da CIG e obriga a Supermercados DIA a aplicar o convenio provincial de Pontevedra
• A autoridade laboral constata unha infracción moi grave por pagar por debaixo do establecido e abre liquidación de cotas á Seguridade Social por 120 mil euros
Foto: CIG
Infogauda / Pontevedra
A CIG-Servizos valora moi positivamente a resolución da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra sobre DIA Retail SAU tras unha denuncia da CIG por fraude á cotización e impago de cantidades ás persoas traballadoras. A autoridade laboral desmonta a tese de DIA e reafirma a primacía do convenio provincial en materia salarial fronte ao precario convenio de empresa asinado con FETICO, CCOO e UGT, constatando unha infracción moi grave, impoñéndolle unha sanción de 3500 euros e abrindo unha liquidación de cotas á Seguridade Social por valor de 120.000 euros.
No informe recoñécese que as persoas empregadas dos supermercados DIA da provincia de Pontevedra están percibindo na súa gran maioría uns salarios por debaixo do convenio sectorial de referencia, que é o comercio alimentación da provincia de Pontevedra. A compañía aplícalles o convenio de empresa de DIA a pesar de que os salarios son inferiores ao convenio de sector, o que se traduce en diferencias salariais para 53 persoas de entre 100 e 350 euros mensuais, dependendo da antigüidade. De igual xeito, DIA négalles as cantidades penitentes por promoción, antigüidade e plus de transporte.
A denuncia presentada pola CIG-Servizos na Inspección baséase na modificación do artigo 84 do Estatuto dos Traballadoras/es en 2021, pola que desapareceu a prioridade aplicativa en materia salarial que anteriormente tiña o convenio de empresa con respecto ao convenio de sector. Tendo en conta este novo marco normativo, a central sindical considerou urxente que se producise este recoñecemento por parte da autoridade laboral, “polo que consideramos moi importante o que vén de acontecer, ademais de vir a demostrar que se a CIG ten presenza na negociación colectiva conséguense avances nos dereitos da clase traballadora”.
Liquidación de cotas á Seguridade Social
Na acta de resolución de Inspección a propia autoridade laboral reclámalle á empresa por vía administrativa o período de liquidacións dos anos 2023 e 2024 das diferenzas de cotización á Seguridade Social, que ascenden a 120.940,14 euros, e imponlle unha sanción de 3500 euros.
A partir de agora a CIG-Servizos celebrará asembleas informativas coas persoas traballadoras de DIA ao longo das vindeiras semanas nas que proporá desenvolver mobilizacións no caso de que a empresa non acate a resolución, ao tempo que iniciarán as oportunas demandas xudiciais de reclamación de cantidades.
Finalmente, a central sindical insta á apertura urxente dunha mesa de negociación colectiva de ámbito galego do comercio alimentación co fin de impedir que as grandes cadeas de alimentación -como DIA, Eroski ou Lidl- busquen marcos estatais de negociación colectiva coa complicidade de CCOO, UGT e Fetico co único obxectivo de abaratar custes precarizando as condicións laborais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario