13 de nov. de 2025

A GUARDA

O alcalde de A Guarda solicita oito medidas para mellorar as conexións en transporte público  

Búscase un servizo eficiente, accesible e adaptado ás necesidades da poboación  


Na reunión coa directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia de Pontevedra, Blanca García-Señoráns Álvarez, e co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o alcalde do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero expuxo a problemática existente do transporte público

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, reuniuse coa directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia de Pontevedra, Blanca García-Señoráns Álvarez, e co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera para trasladarlle as solicitudes da Guarda sobre o transporte público.  

 Esta reunión produciuse tras coñecerse a anulación da concesión a Lugove das rutas do Baixo Miño. O alcalde da Guarda expúxolles as diferentes propostas que buscan “un servizo eficiente, accesible e adaptado ás necesidades reais da poboación”. Estas medidas tamén se fixeron chegar a través da Mancomunidade do Baixo Miño.  

1. Aumento das frecuencias horarias das liñas actuais A Guarda – Tui - Vigo; e A Guarda – Baiona - Vigo, especialmente en horas punta e franxas de maior demanda. 

2. Incorporación da autobuses adaptados, asegurando a accesibilidade universal en todas as liñas e paradas. 

3. Creación e ampliación de liñas directas que conecten A Guarda co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través de Gondomar, facilitando o acceso á atención sanitaria especializada. 

4. Reforzo das liñas e aumento de prazas os domingos pola tarde, para facilitar o regreso a Vigo do alumnado universitario e de FP que estuda noutras cidades galegas. 

5. Incremento do número de autobuses en horas puntas, tendo en conta os horarios laborais e lectivos, co fin de reducir tempos de espera e evitar saturación de liñas. 

6. Establecemento de tarifas adaptadas para a mocidade, persoas xubiladas e familias numerosas. 

7. Creación dunha liña circular comarcal que conecte A Guarda – O Castro – O Rosal – A Gándara – Camposancos – A Guarda, mellorando a mobilidade interna e o acceso aos principais servizos e equipamentos municipais. 

8. Instalación de paneis informativos dixitais nas principais paradas de autobús, que indiquen en tempo real de espera para o seguinte autobús, mellorando a información ao usuario e a calidade do servizo.  

 As medidas teñen como obxectivo ser un transporte ao servizo da cidadanía”, explica Roberto José Álvarez Carrero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario