BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés pon a proba o seu bo arranque recibindo ao Elche
• O equipo baixomiñoto xogará este mércores o seu terceiro partido nunha semana recibindo ao CBM Elche (20.30 horas, A Sangriña)
• As de Prades poñen a proba o seu bo arranque e a súa contundencia defensiva ante un dos pesos pesados da categoría, nun encontro que supón ademais o primeiro duelo directo entre primeiro e segundo clasificados
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés enfróntase ao seu maior reto ata o momento. As de José Ignacio Prades reciben este mércores (20.30 horas) ao CBM Eche, nun partido de terceira xornada que supón o primeiro duelo directo entre o líder e o segundo clasificado, e que porá a proba ademais o bo arranque ligueiro das anfitrioas. Na convocatoria, continúan as baixas de Elena Martínez e María Cobo, mentres se dubida sobre a dispoñibilidade de África Sempere e dalgunha xogadora xuvenil de reforzo.
O equipo baixomiñoto chega nunha nube, aínda que intentando manter os pés na terra. A súa segunda vitoria consecutiva o pasado sábado na casa do Morvedre (16-26), de novo con folgado resultado, converteuno no club co mellor arranque da tempada da categoría. A base dunha proposta defensiva contundente e, ata agora, a que menos cesións realiza da Liga, as da Guarda volven ser líderes do campionato e, con cautela, celébrano, sendo conscientes de que a deste mércores será a proba de lume para a prolongación desta grande toma de pulso inicial.
E é que ademais da dificultade do rival, por se fose pouco, as circunstancias complícano todo algo máis. Antes do parón internacional que lles dará dúas fins de semana de descanso, o deste mércores será o terceiro partido en sete días para as galegas, viaxe á outra costa da Península de por medio incluído, e co seu número de efectivos xa algo tocado. Esta semana, Elena Martínez someterase a probas que determinen o alcance da súa previsible lesión de xeonllo, sufrida tras un mal xesto na primeira xornada do pasado mércores; e á súa ausencia súmase a tamén habitual de María Cobo, cuxa reincorporación non se espera ata alén de outubro. Pero a maiores, continúa en dúbida a dispoñibilidade de África Sempere, quen non foi convocada ás dúas últimas xornadas por problemas de saúde; e estará en dúbida tamén ata a última hora a posibilidade de contar con algunha xogadora xuvenil como reforzo. Dúas cuestións que se resolverán antes deste mércores co obxectivo de que a convocatoria de José Ignacio Prades poida ser de, cando menos, 15 xogadoras, para facer as rotacións pertinentes e evitar un impacto aínda máis lesivo deste esixente partido nas habituais.
Polo demais, o centro das inquedanzas do equipo baixomiñoto é, sen dúbida, a dificultade que lle presentará o rival ilicitano. O Elche, un dos pesos pesados da categoría e candidato ás primeiras prazas ligueiras nos últimos anos, igualou o bo arranque competitivo do Atlético Guardés: pleno de vitorias, a segunda mellor defensa con apenas 17 goles encaixados, e no segundo lugar da táboa unicamente por unha menor diferenza de goles ca o primeiro. E malia que é aínda moi cedo para falar de posicións reais e rivais directos, o que estes primeiros datos deixan claro é que o deste mércores será un duelo de alto nivel entre dúas barreiras defensivas nada dispostas a ceder un milímetro, tal coma o foran os encontros entre o equipo galego e o alacantino dos últimos anos.
As dúas primeiras xornadas deixaron ver a un Balonmano Elche xa adaptado ao seu cambio no banco, ostentado agora por Alberto Zabalegui trala saída de Joaquín Rocamora, e un proxecto que conseguiu manterse ao preservar o groso do seu cadro de persoal. As saídas sensibles da agora guardesa Noelia Solla, Azul Spinelli, Rosa Armenteros e Clara Gascó cubríronse con éxito con Belén Rodríguez, Savina Bergara e Mara López; mantendo a esencia dunha proposta ilicitana similar á baixomiñota, en tanto baseada na intensidade defensiva coma primeiro piar do xogo. A mesma serviulle para selar esas vitorias iniciais, deixando sen opcións ao Porriño o pasado sábado (26-16) e impoñéndose con contundencia ao actual campión de Liga, o Rocasa, a domicilio (26-31), nun partido debut impresionante. E coa mesma tratará de frear a un Atlético Guardés que quere volver facerse forte ante os seus para amosar que estas boas sensacións de inicio de tempada non son un oasis nin froito da sorte do calendario.
José Ignacio Prades: “É un partido dunha complexidade alta e esperamos estar á altura”
O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, coincide en que o Elche é “un equipo que está nunha moi boa dinámica e nun bo momento de forma” neste arranque competitivo. Algo que cadra coa tónica do rival ilicitano dos últimos anos, nos que “sempre foi un dos favoritos a todo, co cal está chamado a estar nos postos de arriba”. Esta nova tempada, o de Petrer considera que o cadro de persoal de Zabalegui continúa a ser un dos mellores activos do visitante, pois “ten moitas xogadoras moi importantes, moitas internacionais, e fixo moi boas fichaxes”.
Un conxunto de condicións que fan que o deste mércores sexa “un partido dunha complexidade alta” no que “esperamos estar á altura, xogando na casa e diante da nosa xente, para manter a liña de boas sensacións que tivemos nestas dúas primeiras xornadas”, conclúe o técnico guardés. A chave, aos seus ollos, será seguir “a confiar moito no traballo que se está a facer e en intentar seguir a mellorar”, para así facerlle fronte a un Elche que, prevé, “vainos esixir moitísimo”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 3
Balonmán Atlético Guardés – CBM Elche
Mércores 16 de setembro | 20.30 horas | Pavillón municipal da Sangriña
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balomán Atlético Guardés:

Ningún comentario:
Publicar un comentario