9 de nov. de 2025

CULTURA

A Xunta renderá homenaxe ao artista gráfico ‘Siro’ polo Día da Ilustración de 2026 

 O goberno galego colabora un ano máis coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración celebrando esta efeméride, o 30 da xaneiro, con diversas actividades




Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia colabora un ano máis polo Día da Ilustración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que para o 2026 homenaxeará a Siro López, coñecido como Siro, un artista que destaca polo seu traballo de caricaturista político e humorista gráfico, ademais doutras facetas como retratista, debuxante e pintor. 

 Con este recoñecemento, este é o segundo ano que se escolle para a efeméride, que ten o seu día o 30 de xaneiro, a unha persoa en vida. Para conmemorar esta data a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traballa xa na posta en marcha de diversas actividades como obradoiros ou exposicións baseadas na  traxectoria de Siro, que tamén ten un papel importante noutros eidos como o do xornalismo ou o do ensaio. 

Sobre o autor 

 Nado en Ferrol en 1943, Siro foi un debuxante precoz con facilidade para o debuxo desde a infancia. Non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel ou mesmo técnicas dixitais. Ademais, foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego Imos aló?, emitido na Televisión de Galicia entre 1989 e 1990. 

A efeméride 

 O Día da Ilustración naceu co obxectivo de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais gráficos na industria cultural a través da homenaxe que se fai cada ano a un ilustrador ou ilustradora galega. Para celebrar a efeméride, creada no 2014, tomouse como referencia o nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, e forma parte do Calendario do Libro e da Lectura que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde entón, foron recoñecidos nomes como o de Lolita Díaz Baliño, Federico Ribas, Chichi Campos, Reimundo Patiño ou Xosé Vizoso, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario