Tomiño activa corpo e mente coa terceira edición da axenda Impacto Saudable
• O Concello lanza unha completa programación de actividades para mellorar o benestar físico, emocional e social da veciñanza
Infogauda / Tomiño
Tomiño consolídase como referente do benestar en Galicia coa posta en marcha da terceira edición da súa Axenda Impacto Saudable, un programa pioneiro que busca mellorar a calidade de vida da veciñanza e o seu benestar físico, emocional e social a través dun amplo programa de actividades para diferentes idades.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “a posta en marcha unha edición máis desta completa axenda reflicte o noso claro compromiso co benestar dos tomiñeses e tomiñesas e coa promoción dun estilo de vida activo. Queremos que todas as persoas, especialmente as adultas, teñan ao seu alcance recursos para coidar tanto o corpo como a mente”.
Cada edición da axenda Impacto Saudable inclúe propostas diferentes, centradas en distintos ámbitos da saúde e do benestar. Isto fai que algunhas actividades teñan un carácter puntual, mentres que outras se consoliden no tempo. Deste xeito, o programa mantén a súa capacidade de renovación e resposta ás necesidades cambiantes da veciñanza, explorando novas temáticas que contribúan a coidar o corpo e a mente desde perspectivas diversas.
Actividades
Entre as actividades xa en marcha desta axenda Impacto Saudable está o Reactívate nas parroquias, un programa de envellecemento activo dirixido a persoas maiores de 55 anos que cada ano cultiva éxito tras éxito. As sesións estanse xa a desenvolver en Tomiño e nas parroquias de Barrantes, Sobrada e Tebra con diferentes sesións nas que se combina a actividade física con actividades centradas na estimulación cognitiva e psicolóxica.
Co curso xa iniciado, tamén regresaron as andainas saudables, que cada xoves saen do Centro de Saúde de Tomiño ás 09.30 horas. Estas camiñadas, abertas a persoas de todas as idades, están guiadas por unha fisioterapeuta da Asociación Vontade, que acompaña aos participantes durante o traxecto e dirixe pequenos exercicios de forza, equilibrio e estiramentos, fomentando a práctica de hábitos saudables e activos.
O Concello organizará nesta nova edición da axenda Impacto Saudable charlas de primeiros auxilios en colaboración con Protección Civil. O sábado 15 de novembro (19.00 h) terá lugar unha primeira sesión de soporte vital básico, onde se abordarán aspectos como a conducta PAS, o recoñecemento da emerxencia, a activación da cadea de soporte vital básico, a reanimación cardiopulmonar e a actuación ante a obstrución da vía aérea. As persoas que participen nesta primeira charla poderán acudir o domingo 16 de novembro (10 h) á que se realizará sobre o uso de desfibriladores semiautomáticos en espazos públicos. Para participar nestas sesións, que serán no Espazo Isaura Gómez, é necesario facer inscrición previa.
Outra das propostas estará centrada na reeducación e rehabilitación do solo pélvico, combinando ioga e adestramento funcional, especialmente dirixido a mulleres que se atopen no climaterio ou na menopausia. Estas sesións desenvolveranse os xoves 23 e 30 de outubro, así como o 6 e 13 de novembro, de 19.00 a 20.30 horas na Casa Salgosa, e inclúen exercicios personalizados, prácticas de ioga adaptadas, técnicas de respiración e relaxación, así como secuencias integradas que combinan movemento e descanso consciente. A participación require inscrición previa a través do formulario habilitado na web municipal ou chamando ao teléfono 652 326 026.
A Axenda Impacto Saudable forma parte do compromiso do Concello co Plan 2 Millóns, iniciativa do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar que busca que dous millóns de galegos leven un estilo de vida activo antes de 2030. Con estas medidas, Tomiño continúa avanzando cara a converterse nun referente do benestar e da vida activa en Galicia.
As actividades están cofinanciadas ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario