10 de out. de 2025

TOMIÑO

O artista vigués Pedro Gonzalo, Beiss, gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao do Concello de Tomiño  

O xurado escolleu esta proposta que fai un percorrido visual polas diferentes etapas creativas de Castelao e terá un retrato realista do escritor galego como punto focal 

 O artista vigués Pedro Gonzalo, Beiss, xunto a un dos seus murais
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 Un novo mural en Tomiño dará vida á figura de Castelao e á súa obra, transformando a avenida República Arxentina nun espazo de arte e memoria. O artista vigués Pedro Gonzalo, Beiss, proclamouse gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao–Concello de Tomiño, unha iniciativa que conmemora o 75 aniversario do pasamento do narrador, ensaísta, debuxante, médico e político galego no Ano Castelao. 

 A súa proposta, cun percorrido visual polas diferentes etapas creativas de Castelao e un retrato fotográfico reinterpretado nun estilo realista e a cor como punto focal da obra, foi a mellor valorada polo xurado con 23 puntos. Cunha paleta cromática que se transforma e limita a tons azuis evocando a bandeira galega, o mar e a identidade de Galiccia, escenas que evocan ao propio Castelao dialogan co estilo propio do artista vigués, reinterpretadas con trazos soltos, xestuais e contemporáneos.  

 Como explica Pedro Gonzalo, “o mural buca fusionar o legado artístico de Castelao coa miña visión persoal, un tributo que conecta coa tradición e reinterpretación, achegando a súa figura ao presente e reivindicando a súa vixencia como referente cultural e artístico no panorama galego”. O gañador recibirá un premio de 2.000€, incluíndo materiais e gastos para a realización da obra.  

 Composto polos artistas Tamara Baz e Davida; a influenciadora @vigodesdelosmuros; a alcaldesa de Tomiño Sandra González; o concelleiro de Mocidade e Lecer Agustín González; e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o xurado outorgou 22 puntos a Delio Rodríguez, que quedou en segundo lugar, e 19 a Eneko Azpiroz, en terceira posición, premiados con 500 e 400€, respectivamente. O resto de finalistas, Tirso Paz e Juan Navarro recibiron 14 e 12 puntos respectivamente e un premio de 200€.  

 Cos lapis na man dende que ten uso de razón, Beiss comezou a súa verdadeira viaxe creativa hai cinco anos cando un amigo da escola convidouno a facer un graffiti con el. Un impulso inicial de trazar liñas e cores pola cidade que se transformou co tempo nunha exploración máis ampla da arte urbana e do muralismo. Cada trazo das súas obras é unha expresión da súa conexión coa contorna urbana, unha fusión da enerxía da cidade coa súa visión artística para compartir historias, provocar reflexións e plasmar os seus propios pensamentos e ansias creativas deixando unha pegada que inspire, emocione e conecte coa xente.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que este concurso supuxo unha oportunidade única para que a arte contemporánea conecte coa nosa historia e coa figura de Castelao, un referente cultural e político de Galicia. É un orgullo albergar un proxecto que combina memoria, creatividade e espazo público e ver a alta calidade de todas as propostas que participaron nel”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade e Lecer, Agustín González, engadiu que con este certame, “Tomiño convértese en punto de encontro da cultura e da creación artística. O concurso permitiunos non só visibilizar novos talentos senón tamén achegar a obra e o pensamento de Castelao á cidadanía a través dun mural que todos poderemos desfrutar”. O concelleiro agradeceu a todas e todos os artistas que participaron o seu interese “e o elevado nivel de todas as propostas que achegaron dende toda Galicia, Madrid e Navarra, o que dificultou moito o traballo do xurado”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario