10 de out. de 2025

O ROSAL

Especialistas europeos achéganse ás comunidades enerxéticas rurais no Rosal  

 Visitaron o municipio dentro do congreso de EC4Rural para coñecer a transición cara ás enerxías limpas impulsada polo Concello

   

A alcaldesa do Rosal cos especialistas, procedentes de 20 países, que estes días visitaron o concello do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal converteuse estes días no centro da transición enerxética rural. Especialistas procedentes de 20 países visitaron o municipio para coñecer de primeira man o modelo rosaleiro no camiño da implantación de comunidades enerxéticas, un exemplo de compromiso local, innovación social e sustentabilidade que está a inspirar iniciativas por toda Europa. 

 A visita enmárcase na conferencia europea “Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara ás enerxías limpas”, organizada polo consorcio do proxecto europeo EC4RURAL, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea. Un encontro que permitiu xerar sinerxías, intercambiar experiencias e fortalecer novas redes de colaboración entre representantes de comunidades enerxéticas, grupos de acción local, persoal investigador, asociacións e autoridades públicas de toda Europa. 

 Durante a súa estancia, os e as especialistas coñeceron de preto os proxectos de comunidades enerxéticas locais nos que se están traballando dende o Concello coa veciñanza e tecido asociativo, empresarial e social, unha delas implantada ao abeiro do proxecto EC4Rural. Un encontro que permitiu ademais descubrir outras accións que o Goberno municipal está a para promover un modelo enerxético máis xusto, participativo e sostible. 

 Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “O Rosal demostra que o rural tamén pode liderar a transición enerxética europea. Somos un territorio pequeno, pero con grandes ideas e cunha cidadanía comprometida”. A rexedora tamén agradeceu “o interese e o recoñecemento internacional que supón recibir a expertos e expertas de tantos países”. 

 Fernández Callís subliñou que “a colaboración e a participación social son claves para avanzar cara a un futuro máis verde e máis equitativo. Este tipo de encontros reforzan a idea de que o cambio real nace desde o local, desde os concellos e desde a implicación directa da veciñanza”. 

 O Concello do Rosal segue así a consolidar o seu papel como laboratorio vivo de transición enerxética no rural, abrindo camiño para que outras comunidades poidan replicar o seu modelo e contribuír de forma activa á loita contra o cambio climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario