23 de out. de 2025

PONTEAREAS

A Inspección de Traballo levanta acta por infracción moi grave á concesionaria do SAF de Ponteareas por substituír persoal en folga 

 A empresa Óbolo xa recibira unha advertencia previa, que incumpriu 


Imaxe da manifestación do pasado día 16 deste mes,  de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas
Foto: CIG

Infogauda / Ponteareas

 A Inspección de Traballo vén de levar acta contra a empresa Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, por infracción moi grave en materia de relacións laborais ao constatar que a compañía substituíu traballadoras en folga con persoal de nova contratación.  

 A resolución responde á denuncia presentada pola CIG tras detectar que a empresa estaba incorporando persoal ao servizo malia estar activa unha folga indefinida dende o pasado 26 de setembro. Segundo as dilixencias practicadas pola autoridade laboral, Óbolo pretendía xustificar estas contratacións alegando que non eran para cubrir servizos mínimos, senón para cubrir baixas e vacacións.  

 Porén, na acta acredítase que, cando menos, a empresa contratou unha traballadora co único obxectivo de substituír e deixar sen efecto o paro indefinido, xa que lle asignou as mesmas persoas usuarias e as franxas de servizo que lle correspondían a unha compañeira en folga. Esta práctica, apúntase, está prohibida pola normativa vixente. 

 Para máis abundar, no escrito, a Inspección lembra que, con anterioridade, xa se levantara dilixencia advertíndolle a Óbolo da obriga de “absterse de toda actuación que implicara substitución, directa ou indirecta, de persoas traballadoras en folga, incluíndo a contratación de novo persoal”. Unha advertencia que a empresa incumpriu e razón pola que se “reforza o elemento de culpabilidade e gravidade da conduta infractora”. 

 Ante esta nova actuación ilegal da concesionaria do SAF, a CIG insta o Concello de Ponteareas a actuar coa máxima dilixencia na defensa dos dereitos das traballadoras e das persoas usuarias e iniciar, por fin, os tramites para a rescisión efectiva do contrato con Óbolo. A empresa non só continúa sen resolver as graves irregularidades laborais e na prestación do servizo que motivaron a convocatoria da folga indefinida, senón que cada día suma unha nova ilegalidade. 

 Por todo isto, o Goberno local non pode seguir a eludir as súas responsabilidades e debe actuar xa para garantir que o traballo de atención a domicilio se desenvolve en condicións dignas e que o servizo que se presta coa mellor calidade para as persoas usuarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario