A Deputación lembra a José Ruibal, o pontevedrés clave na renovación do teatro do século XX, cunha exposición no Museo de Pontevedra
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou a mostra que se inaugura mañá venres, e que repasa a vida e obra do escritor no centenario do seu nacemento
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Hai 100 anos naceu en Xeve (Pontevedra) José Ruibal, escritor que acadaría relevancia internacional como un dos grandes renovadores do teatro contemporáneo no último terzo do século XX. Agora, a Deputación de Pontevedra réndelle homenaxe no Museo de Pontevedra coa exposición ‘José Ruibal. Un escritor de centenario’, que mañá venres abre as súas portas no claustro do Edificio Sarmiento, onde se poderá visitar ata o 18 de xaneiro.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou hoxe a exposición xunto a directora do Museo, Ángeles Tilve, e Xosé Enrique Acuña, comisario. Domínguez sinalou que “é unha exposición de xustiza, parece incrible que unha persoa co seu recoñecemento internacional non sexa tan coñecida en Pontevedra”. O vicepresidente engadiu que “un dos labores do Museo de Pontevedra é a reivindicación, neste caso absolutamente xusta e necesaria: é obrigado que todos os pontevedreses coñezamos ben a figura de Ruibal”.
Xosé Enrique Acuña explicou que a exposición “é un percorrido pola vida dun autor que foi considerado maldito dentro da literatura española, que sufriu o franquismo e a censura e foi recoñecido principalmente nos Estados Unidos”. A directora do Museo, Ángeles Tilve, salientou que a esta conmemoración da figura de José Ruibal no centenario do seu nacemento seguirá en 2026 a lembranza á súa irmá, a pintora Mercedes Ruibal, tamén no seu centenario, cunha exposición conxunta con obra dela e do seu marido, o tamén pintor Agustín Pérez Bellas.
En “José Ruibal. Un escritor de centenario”, o comisario Xosé Enrique Acuña reúne numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego. A mostra articúlase por medio dun percorrido visual composto con numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.
Tamén se presenta unha selección da súa correspondencia con outras grandes figuras da literatura e da crítica, coma Buero Vallejo, Rafael Lapesa, Lázaro Carreter, Gabriel Celaya e Alonso Zamora Vicente, e documentos inéditos da súa relación de amizade con grandes actrices coma Nuria Espert e María Casares, co que se conforma unha aproximación ao gran número de intelectuais que José Ruibal tratou ao longo da súa vida.
No discurso expositivo ábrense espazos para lembrar episodios relativos ao seu activismo político e a momentos que, xa tras a chegada da democracia, compartiu con literatos coma José Agustín Goytisolo, Alfonso Grosso e Caballero Bonald e, en Galicia, con Cuña Novás, Méndez Ferrín, Novoneyra e Bernardino Graña. Especial incidencia na exposición do Museo de Pontevedra ten o seu paso polos Estados Unidos, onde Ruibal foi traducido e mais estreado, e onde mesmo se asentaría durante varios anos. Desta etapa móstranse diversos documentos gráficos que acreditan a importancia que acadou a súa obra teatral nos circuítos universitarios aos que foi convidado e mais tamén da relevancia do seu paso polo Actor’s Studio, mítica academia de Nova York onde coincidiu con Frank Corsaro e Norman Mailer.
A súa intensa relación con grandes figuras coma Laxeiro, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo e Rafael Alberti teñen un lugar propio na exposición mediante obras artísticas. Tamén os seus primeiros pasos como poeta e xornalista en Pontevedra ao lado dos seus compañeiros da Colección Benito Soto, encabezada polo seu amigo Sabino Torres, que lle publica en 1950 El dios de los precipicios, o seu primeiro libro de poesía, con ilustración do pintor Rafael Alonso.
Forman tamén parte da mostra unha serie de orixinais literarios que van desde os de La máquina de pedir e El hombre y la mosca, as súas obras de maior sona, ao mecanoescrito orixinal do texto no que se recollen os seus días como preso político no cárcere de Vigo en 1962 e obras de arte que pertenceran á súa colección pictórica persoal, materiais que se completan con sinalados exemplos da recepción crítica que a súa obra recibiu por parte de recoñecidos hispanistas e unha selección das revistas estranxeiras onde se publicaran e traduciron as súas pezas dramáticas. En clave audiovisual, recupérase unha ampla entrevista televisiva realizada en 1990 na que Ruibal, malia os anos pasados fóra de Galicia, se expresa no seu galego materno.
Conferencias e espectáculo
A exposición compleméntase coa celebración, os días 11 e 13 de novembro, dun seminario sobre o escritor no mesmo Museo de Pontevedra. O martes 11 desenvolveranse as conferencias, nas que participarán o dramaturgo Andrés Lima, a investigadora Anne-Laure Feuillastre, a profesora da Universidade de Nova York Marithelma Costa, e o comisario da exposición, Xosé Enrique Acuña. E o seminario completarase o xoves 13 de novembro co “Espectáculo Ruibal”, unha sesión de poesía e teatro na que Graciela Baquero e Miguel Ángel Cuña recitarán a poesía de José Ruibal en galego e castelán, e a compañía Avelaíña Teatro porá en escena a súa peza teatral O rabo.
Vida e traxectoria
José Ruibal Argibay naceu o 28 de outubro de 1925 en Xeve, cando esta parroquia aínda non fora anexionada polo concello de Pontevedra. Formado en Artes e Oficios en Santiago de Compostela, pronto comeza a colaborar no xornal La Noche á vez que adquire unha conciencia crítica desde a que pasa a sentirse incómodo coa ditadura imperante. En 1951 emigra á Arxentina para posteriormente instalarse en Montevideo. Na capital uruguaia coñece o exiliado José Bergamín, co que comeza a facer teatro, e implícase directamente en actividades políticas de oposición a Franco, ao tempo que realiza traballos xornalísticos.
Reinstalado en Bos Aires, comeza a escribir as súas primeiras obras teatrais e tamén Triquiñóns, a súa única novela en galego. Retornado a Galicia en 1960, despois do seu paso pola prisión de Vigo por actividades clandestinas ligadas ao PCE, marcha a Madrid, onde xa se decide por unha creatividade teatral desde a que encadeará unha serie de obras que activan unha simbólica crítica do peor da sociedade baixo a ditadura franquista. A censura da época limitou a estrea das súas máis famosas pezas durante anos, malia ser Ruibal masivamente admirado por numerosos grupos de teatro popular e universitario. Descuberta nos Estados Unidos a fortaleza do seu teatro underground, acada unha considerable repercusión, igual que aconteceu en diversos países europeos onde mereceu igualmente de recoñecementos.
A auréola de autor maldito que posuía no franquismo obrigouno a se instalar nos Estados Unidos, país onde ofreceu leccións maxistrais sobre a súa concepción do teatro por distintas universidades e institucións durante varios anos. José Ruibal, persoa comprometida cos valores democráticos durante toda a súa vida, segundo Xosé Enrique Acuña, hoxe está inexplicablemente esquecido fóra dos círculos especializados, que continúan valorando a valentía e mais a fondura combativa da súa dramaturxia. Como escritor, en todas as entrevistas que lle realizaron sempre reivindicou o seu nacemento na parroquia de Xeve e como na súa literatura tanto pesara a súa condición de galego. Morre en febreiro de 1999 en Cuenca e, posteriormente, a súa familia mesturaría as súas cinzas co mar de Galicia.
.jpeg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario