Creatividade a toda cor no Rosal cunha nova edición dos Obradoiros de Outono
• Cosmética natural, macramé, acuarela botánica e cestería tradicional serán os protagonista dos sábados de novembro
• Abertas a todos os públicos, nas actividades terán prioridade as persoas menores de 30 anos
Alejandro González, concelleiro de Xuventude, na presentación da programación dunha nova edición dos Obradoiros de Outono
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O outono chega ao Rosal cargado de inspiración, cores e novas oportunidades para deixar voar a imaxinación. O Concello pon en marcha unha nova edición dos Obradoiros de Outono, unha proposta que combina aprendizaxe, cultura e natureza a través de catro talleres pensados para todas as idades, cunha programación que se desenvolverá todos os sábados do mes de novembro no Muíño das Aceñas.
Os obradoiros están abertos a toda a veciñanza, aínda que se dará prioridade ás persoas menores de 30 anos. A alcaldesa do Rosal destacou que “programas coma este reflicten o noso compromiso cunha oferta cultural diversa, participativa e accesible, que valoriza a artesanía, a natureza e o talento local. O Rosal é unha terra de creación, e queremos seguir potenciando espazos onde a xente poida expresarse e compartir experiencias”.
O programa arrancará o sábado 8 de novembro cun roteiro de cosmética natural polas Aceñas da man de Biophilia, unha saída que permitirá identificar e coñecer os segredos das plantas e aprender a elaborar con elas produtos de coidado persoal respectuosos co medio ambiente.
A creatividade continuará o 15 de novembro cun curso de macramé impartido por Ana Loredo, de Nai Diseños, un taller no que as persoas participantes aprenderán a tecer un bolso cos dedos. O 22 de novembro será a quenda da acuarela botánica, guiada pola artista plástica Gemma Marqués, unha actividade ideal para quen desexe descubrir a beleza da natureza a través da pintura. O ciclo pecharase o 29 de novembro co regreso dun clásico moi demandado: o obradoiro de cestería tradicional, impartido pola recoñecida artesá Julia de la Cal (La Parabólica), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024, que repetirá tras o éxito da pasada edición.
O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, salientou que “o noso obxectivo é ofrecer alternativas culturais e formativas que permitan á mocidade e á veciñanza en xeral explorar novas habilidades, desconectar da rutina e divertirse aprendendo. Así que durante o mes de novembro o Muíño das Aceñas será un punto de encontro para a creatividade e o intercambio de coñecementos”.
As actividades impartiranse no Muíño das Aceñas e terán un prezo reducido. Toda a información sobre inscricións, horarios e prazas publicarase nas redes sociais e na web municipal nas próximas semanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario