7 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés medirase ao HC Byala búlgaro na terceira rolda da EHF European Cup 

O sorteo de emparellamentos celebrado esta mañá xuntou ao equipo miñoto co HC Byala de Bulgaria, clasificado á terceira rolda por primeira vez na súa historia 

O Mecalia, exento das fases anteriores debido aos seus resultados ligueiros do curso pasado, estrearase de volta en Europa a fin de semana do 8 e 9 de novembro, a domicilio en Bulgaria. A volta xogarase o 15 e 16 de novembro na Sangriña 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés xa coñece o seu primeiro rival para a súa volta a Europa. As de Ana Seabra iniciarán o seu camiño na EHF European Cup o 8 ou 9 de novembro en Bulgaria, onde visitarán ao HC Byala, un equipo que nunca prosperara alén da segunda rolda nas súas outras participacións na competicións. A volta xogarase a fin de semana seguinte na Sangriña. 

 O sorteo celebrado esta mañá emparellou ao equipo miñoto cun rival descoñecido, o HC Byala da cidade búlgara do mesmo nome. Dirixido pola adestradora ucraniana Viktoria Zhosan, o Byala fundouse oficialmente no ano 2020, e conta con diferentes éxitos malia a súa curta historia, entre os que destacan dous campionatos de liga na elite búlgara RHG A en 2022 e 2023 e dúas Copas de Bulgaria, obtidas nos mesmos anos. 

 Na competición europea, porén, correu diferente sorte, pois ata agora non superara a segunda rolda en ningunha das súas dúas participacións (2022/2023 e 2023/2024). Na última delas, hai dous anos, foi o español Atticgo BM Elche o responsable da súa eliminación, de xeito extremadamente folgado, ademais (54-13 na ida, 17-43 na volta; 97-30 no global).  

 Este curso, en cambio, o seu rendemento semella moi diferente, pois lograron clasificarse para esta terceira rolda por primeira vez na súa historia, o que ademais supón a primeira participación dun equipo búlgaro entre os 16 mellores dende o ano 2009. Na segunda fase, o Byala asinou grandes actuacións ante o ZRD Litija lituano, caendo pola mínima na ida (28-27) e vencendo de maneira contundente como anfitrión a pasada fin de semana (39-27; 55-66 o global), grazas á aportación de xogadoras relevantes coma a central Lidiya Kovacheva, con 17 goles entre os dous partidos, e a estremo dereito Valeriia Arushanian con outros 14. 

 Este é o panorama para un Mecalia Atlético Guardés emocionado polo seu regreso a Europa. Tras non competir o curso pasado, as de Ana Seabra xogarán este ano nunha competición continental por duodécima vez na historia do Club, grazas a un grande esforzo loxístico e económico por parte dunha directiva que ten fe nas posibilidades das súas xogadoras. Ademais, debido ao campionato da liga regular obtido a pasada tempada, as guardesas parten coa vantaxe que supuxo a exención das dúas primeiras roldas, polo que se estrearán contra o HC Byala o próximo 8 ou 9 de novembro na cidade búlgara, e terán a derradeira palabra a fin de semana seguinte ante a afección da Sangriña. 

 Pola súa parte, o resto de contendentes españois na EHF European Cup superaron os seus respectivos encontros previos e tamén recibiron rivais para esta terceira rolda. Nas mesmas datas, o Atticgo BM Elche medirase ao normacedonio HC Gjorche Petrov, o Costa del Sol Málaga visitará al Haukar islandés e o Replasa Beti-Onak xogará ante o Yellow Winterthur da Suíza.  

Ana Seabra: “Parece que podemos ser superiores, pero imos facer o noso traballo para superar a rolda” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, realizou unha valoración inicial sobre o rival que determinou o sorteo para as súas. “A verdade é que é un equipo que non coñezo moi ben”, indicou a preparadora, lembrando unicamente que o Elche “foi moi superior nos dous partidos” que ambos disputaron en 2023. 

 O historial apunta, segundo Seabra, a que “teoricamente, parece que podemos ser superiores”. Con todo, a técnica tamén recalcou que aínda “non sabemos como está este ano”, polo que “imos facer o noso traballo de scouting e a traballar para seguir á cuarta rolda” coa mesma seriedade que ante calquera outro rival.  

María Sancha: “Estamos moi contentas de volver a xogar en Europa. O equipo está moi cohesionado e iremos a por todas” 

 Pola súa parte, a capitá do Guardés, María Sancha, declarou que as xogadoras “estamos moi contentas de volver a xogar xa en Europa, con moita ilusión e con moitas ganas de seguir traballando para poder pasar ás seguintes roldas”. Sancha celebra que a competición chega nun grande momento para o equipo, que di que está “moi cohesionado” e que “iremos a loitar e a por todas”

 Sobre o rival, a capitá destacou o feito de que é a súa primeira clasificación para esta rolda e que “semella un equipo pequeno”. En calquera caso, promete que “nós iremos a dalo todo e a loitar, coma sempre”.  

Listaxe completa de emparellamentos:

- HK Slovan Duslo Sala (Eslovaquia) VS Zork Bor (Serbia) 

- Handball Erice SSD ARL (Italia) VS Handball Käerjeng (Luxemburgo) 

- HV Quintus (Países Baixos) VS MSK IUVENTA Michalovce (Eslovaquia) 

- Costa del Sol Málaga VS Haukar (Islandia) 

- Westfriesland SEW (Países Baixos) VS ZRK Mlinotest Ajdovscina (Eslovenia) 

- Jomi Salerno (Italia) VS Energa Start Elblag (Austria) 

- Atticgo BM Elche VS HC Gjorche Petrov (Macedonia del Norte) 

- Bursa Büyüksehir BSK (Turquía) VS AEK Athens HC (Grecia) 

- MADx WAT Atzgersdorf (Austria) VS AC Paok (Grecia) 

- ZRK Split 2010 (Croacia) VS WHC Metalurg Avtokomanda (Macedonia do Norte) 

- Union Korneuburg Damen (Austria) VS Hazena Kynzvart (República Checa) 

- KPR Gminy Kobierzyce (Polonia) VS ADAA São Pedro do Sul (Portugal) 

- Madeira Andebol SAD (Portugal) VS KHF Istogu (Kosovo) 

- CASCADA – HC Garliava (Lituania) SC VS Cabooter Fortes Venlo (Países Baixos) 

- HC Byala (Bulgaria) VS Mecalia Atlético Guardés 

- Replasa Beti-Onak VS Yellow Winterthur (A Suíza)

Ningún comentario:

Publicar un comentario