29 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés zurra á Aula e achégase ao liderado (32-21) 

O Mecalia serviu unha exhibición de poderío este mércores na Sangriña grazas a unha actuación brillante e coordinada en ataque 

Elena Martínez foi a máxima anotadora con seis goles, aínda que marcaron todas as xogadoras que saíron á pista. Sabina Mínguez foi determinante, con 15 paradas 

A vitoria folgada permite ao Guardés achegarse ao Bera Bera, que hoxe gañou pola mínima ao A Rioxa, líder por cinco goles de vantaxe 


Cecilia Cacheda nunha acción fronte a porta visitante
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés segue soñando. As de Ana Seabra asinaron unha nova vitoria este mércores en casa, gañando por once goles de vantaxe a unha Aula Valladolid lastrado polos erros e o desacerto no tiro (32-21). O Guardés demostrou un ataque brillante e coordinado en case todo momento, grazas ao que liderou todo o encontro sen permitir que as valisoletanas se achegasen máis da conta. Destacaron especialmente Sabina Mínguez baixo paus, con 15 paradas, e Elena Martínez, con cinco goles, aínda que anotaron todas as xogadoras que saíron á pista. Dous puntos e un marcador folgado importantes para seguir recortando distancias co líder Bera Bera. 

 O partido inaugurouno un tanto de Elena Martínez desde os sete metros, que servía como colofón dun ataque guardés xa bastante agresivo nos primeiros compases. O anfitrión movíase con bastante soltura neste inicio de partido, sorprendendo á Aula en cesións importantes que o elevaron ata o 3-0 antes de finalizar o primeiro parcial de cinco minutos, forzando a Salva Puig a solicitar o seu primeiro tempo morto (min. 3). Aínda que as súas lograron empezar a mostrar sinais de vida, a situación mantíñase sen demasiados cambios pasados varios minutos, e a renda local despegaba (6-1, min. 6). 

 Pero comezou a atoparse sobre a pista o Valladolid, que encadeou accións bastante importantes como as sucesivas aparicións de Marisol Carratú baixo paus ou unha defensa máis atenta, que mesmo se atrevía a roubar balóns ao seu rival. Un parcial 0-3 deixaba clara que a superioridade guardesa non sería tan marcada como parecía inicialmente (6-4, min. 10). 

 Animouse xa o encontro, que mostraba agora a dous conxuntos máis igualados sobre a pista. O Guardés non escatimaba en rapidez e determinación no ataque, e pechaba filas en defensa para lograr manter a vantaxe conseguida nos primeiros minutos. Sabina Mínguez tamén se debuxaba como un dos nomes importantes do partido, con catro paradas cruciais ata ese momento. E pola súa banda, a Aula trataba de igualar a enerxía local e mellorara con fartura a súa calidade defensiva, xogando a obrigar a correr ao anfitrión para tratar de pillalo desprevido. Con todo, os goles valisoletanos aínda eran puntuais, mentres un novo parcial 4-1 plasmaba a brillantez baixomiñota que podía verse en xogo (10-5, min. 15).  

 O resto da primeira parte desenvolveuse coa mesma dinámica, marcada por un Guardés que encadeaba xogadas ensaiadas con resultado exitoso na maioría de ocasións, conseguindo atopar oco case sempre nunha defensa valisoletana que non acababa de igualar esforzos. Pola súa banda, o conxunto visitante brillaba por momentos, pero non logrou recuperarse no marcador xa en todo o período. Si conseguiu reducir a renda, de forma que fixo a Ana Seabra replegar ás súas a cronómetro parado (12-9, min. 22), pois a barreira guardesa tamén mostraba desaxustes puntuais que, aos poucos, cedían no marcador.  

 Pero un novo cambio de ritmo beneficiou ao anfitrión, que non deixou de mandar en ningún momento e volveu voar no luminoso. Nos compases finais deste primeiro período, o Mecalia seguiu ofrecendo un gran xogo sobre a pista, dirixido por unha Rosane Serrano que sumou importantes minutos e demostrou calidade como central tamén á volta do descanso (16-11, min. 30). 

 Na segunda parte, a Aula ameazou cunha remontada exprés, encadeando dous acertos rápidos nada máis reiniciarse o xogo e levantado por unha Carratú que seguía sen perdoar nin unha. A gardameta arxentina acumulaba máis de 10 paradas ata aquel momento, sendo a principal causante de que o Guardés non incrementase a súa vantaxe aínda máis.  

 E os primeiros dez minutos tras o intermedio foron importantísimos para as visitantes, que lograron poñer sobre a mesa un parcial 1-4 que ameazaba con cambialo todo. Non funcionaban xa tan ben as cousas nas filas locais, que tras varias imprecisións viran reducida a súa renda a apenas dous goles (17-15, min. 39). A adestradora Seabra volvía parar o tempo para lembrar ás súas que aínda non estaba todo o peixe vendido. 

 E o recordatorio forneceu un efecto impecable, pois acto seguido as guardesas asestaron cun parcial 3-0 logrado sen demasiados esforzos nin artimañas que devolvía o luminoso a distancias xa non tan salvables (20-15, min. 42). 

 A partir de entón, apenas cambiou o panorama, pois o anfitrión seguiu desenvolvéndose con soltura impulsado por unha actuación maxistral en ataque. A diferenza estendeuse ata os oito goles (24-16, min. 48), mesmo despois da exclusión de María Palomo instantes antes. Nin a inferioridade numérica freaba a un Guardés no seu mellor momento e crecido ante a súa afección, fronte a unha Aula que xa non era capaz de controlar erros e sufría agora dun desacerto no lanzamento a porta que non contribuía senón a empeorar o panorama. 

 Os dez minutos finais foron un mero trámite, pero tamén unha demostración de forzas. O equipo baixomiñoto exhibiuse como quixo en casa, regalando á súa afección un partido redondo e compensado no que anotaron todas as xogadoras que saíron á pista. O marcador chegou a máximos, freado unicamente por un último alento da Aula nos segundos finais, pero pechándose cunha importante vantaxe de once goles (32-21, final).  

 Un novo resultado folgado para un Guardés que segue recortando distancias co liderado, precisamente nunha xornada na que o Bera Bera viuse sorprendido por un Grafometal La Rioja ao que venceu pola mínima (21-22). Segue soñando todo o mundo na Guarda grazas a un equipo que non parece ter outro teito máis que o apenas cinco goles que o separan agora da ansiada cabeza da táboa.  

Mecalia Atlético Guardés (16+16): Sabina Mínguez (p.), Cecilia Cacheda (3), Jazmín Mendoza (1), Elena Martínez (5), Cristina Cifuentes (3), Ania Ramos (2), María Sancha (3) [sete inicial], Blazka Hauptman (3), Amandine Balzinc (p.), Lorena Téllez, María Palomo (3), Rosane Serrano (3), Carme Castro (2), Ariana Portillo (2) e Anouk Nieuwenweg (2). 

Caja Rural Aula Valladolid (11+10): Marisol Carratú (p.), Gabriela Bergara (5), Sandra Monteagudo (4), Nerea Patiño (1), Kadidiatou Jallow (1), Mónica Gutiérrez (1), Angela Zurni (1) [sete inicial], Carmen Benítez (p.), Rafaela Rodrigues, Inoa Lucio (1), Jimena Arriaga, Naroa Baquedano (1), Valeska Lovera (5), Amaia González de Garibay e María Guerra (1). 

Marcador cada cinco minutos: 5-1, 6-3, 10-5, 11-7, 13-9, 16-11, 17-13, 18-15, 22-16, 25-18, 27-20, 32-21.  

Árbitros: José Carlos Friera e Andrés Rosendo. Excluíron con dous minutos ás locais Blazka Hauptman (2) e María Palomo e ás visitantes Angela Zurni e Kadidiatou Jallow e amoestaron con tarxeta amarela á visitante Kadidiatou Jallow. 

Incidencias: Partido de oitava xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario