24 de set. de 2025

DEPORTES

A 15K do Atlántico bate todos os récords superando por primeira vez os 1.000 participantes 

 Celebrará a súa 12ª edición o vindeiro domingo, 28 de setembro, con saída dende Oia e paso polo Rosal ata chegar ao porto da Guarda  


Participantes na presentación oficial da proba xunto ao mosteiro de Oia
Foto: C.O.R.


Infogauda / Oia / O Rosal / A Guarda

 Unha proba de récord. A 15K do Atlántico Banco Mediolanum promete celebrar este domingo 28 de setembro unha cita histórica ao superar por primeira vez nas súas 12 edicións os 1.000 corredores e corredoras inscritas.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, participou na presentación oficial da proba xunto ao mosteiro de Oia, un enclave único co Atlántico como pano de fondo que contou coa presenza de numerosas autoridades, como a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; a directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda; e a banqueira familiar de Banco Mediolanum, Ángeles Franco.  

 Todas e todos os participantes coincidiron en resaltar a singularidade desta carreira que une aos concellos de Oia, O Rosal e A Guarda a través do Camiño Portugués da Costa, conxugando deporte, paisaxe e solidariedade.  

Unha carreira solidaria  

 Por segundo ano consecutivo, a 15K do Atlántico terá un marcado carácter solidario grazas ao proxecto Mediolanum Aproxima. A recadación da carreira destinarase integramente á Asociación Contra o Cancro de Pancreas en memoria de Daniel González Adrover (Dani) e do seu desexo de “seguir iluminando o mundo”.  

 As e os participantes poderán escoller entre a proba raíña de 15K, a Mini 15K (de 7,5 km) ou a andaina de 12 km, abertas a todos os públicos. Ademais, aquelas persoas que non poidan participar poderán colaborar mediante a Fila 0 ou adquirindo a camiseta conmemorativa. 

Saleta Castro, madriña da edición 2025  

 Nesta edición, a triatleta internacional Saleta Castro será a madriña oficial da proba. Recoñecida como unha das deportistas máis destacadas do triatlón español, a súa presenza reforza os valores de superación, compromiso e solidariedade que identifican á 15K do Atlántico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario