12 de ago. de 2025

TOMIÑO

O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade impulsa novos proxectos, reforza o compromiso cultural e deportivo, e consolida a gobernanza compartida entre os dous municipios


Participantes na sesión do Comité de Xestión Estratéxica (CXE) da Eurociudade Cerveira-Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Comité de Xestión Estratéxica (CXE) da Eurociudade Cerveira-Tomiño vén de celebrar unha nova sesión na que se constatou o firme avance dos seus proxectos transfronteirizos xa aprobados, comentáronse futuras convocatorias e renovouse o compromiso coa vida cultural e deportiva de ambos os municipios. 

 En primeiro lugar, as delegacións técnica e económica de ambos municipios rinderon contas sobre o estado de execución dos proxectos REDE_GOV e ADAPT, financiados polo FEDER a tavés do POCTEP. Tanto o REDE_GOV, impulsado xunto á AECT Río Minho, e enfocado na igualdade e cultura; como o ADAPT, encadrado no medio ambiente, superaron a primeira validación de gastos cunha execución maior á mínima esixida, o que permite seguir traballando cos orzamentos inicialmente aprobados e non perder fondos. Os responsables municipais destacaron o impacto social, educativo e ambiental destas iniciativas, que non só consolidan a cooperación técnica senón que reforzan o sentimento de pertenza a un territorio común. 

 Paralelamente, o CXE analizou dous novos proxectos en distinta fase de desenvolvemento: un xa presentado, cuxa resolución se espera en outubro, e outro en preparación xunto a AECT Río Minho e máis entidades. Ademais, anunciouse a recente concesión a un proxecto conxunto co municipio de Cesena (Italia), orientado ao intercambio de experiencias, dentro da convocatoria CERV da Unión Europea. 

 A reunión tamén serviu para reforzar a aposta pola dinamización cultural e deportiva. Neste sentido, subliñouse a continuidade da BTT transfronteiriza e da Carreira da Amizade, apostando polo traballo coas asociacións locais. Fíxose un balance moi positivo de Olympics4All, galardoado por URBACT, e avanzouse na programación da Axenda Cultural Conxunta. Entre os fitos inmediatos figuran o Certame de Pintura Antonio Fernández o próximo 17 de agosto, unha cita artística que reunirá a creadores de ambas as beiras. 

 Por último, o Comité reafirmou a continuidade dos Orzamentos Participativos Transfronteirizos, impulsando iniciativas como a Gladiator Race e Música Nova. 

 Con estes acordos, a Eurociudade Cerveira-Tomiño confirma o seu rumbo cara a unha gobernanza compartida, baseada na transparencia, a participación e a sustentabilidade, e prepárase para afrontar os retos transfronteirizos con proxectos sólidos e o firme respaldo das súas comunidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario