A Eurocidade Cerveira - Tomiño convida a participar no XIII Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández
• Inscricións ata o 13 de agosto
• Máis de 2.650 euros en premios repartiranse entre as tres categorías do certame: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos
Infogauda / Tomiño
As rúas e prazas de Goián e de Vila Nova de Cerveira volverán a converterse este domingo 17 de agosto nun enorme obradoiro de arte ao aire libre. O Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, que chega á súa XIII edición, reunirá a artistas de todas as idades para plasmar en directo as paisaxes, as xentes e o ambiente único a ambas beiras do Miño.
A inscrición é gratuita e estará aberta ata mañá, mércores 13 de agosto, ás 14.00 h, exclusivamente a través da web da Eurocidade Cerveira–Tomiño. A organización lembra que non será posible inscribirse o propio día do certame, polo que esta é a última oportunidade para sumarse a unha xornada chea de creatividade.
O día do evento, as persoas participantes deberán presentarse na Aula Museo Antonio Fernández entre as 09.30 e as 11.30 h (hora galega) para numerar o soporte no que realizarán a obra. Xa pola tarde, de 17.00 a 18.00 h, a praza Pintor Antonio Fernández acollerá a exposición das pezas rematadas, aberta ao público. O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar ás 18.30 h (17.30 h en Portugal).
En total repartiranse máis de 2.650 € en premios en tres categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (12 a 17 anos) e adultos. O certame está organizado pola Eurocidade Cerveira–Tomiño, coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián.
Esta cita anual é xa un referente cultural na rexión, non só pola calidade das obras que se presentan, senón tamén polo ambiente que se crea, onde veciños, visitantes e artistas comparten unha xornada única ao redor da arte.
As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario