5 de ago. de 2025

O ROSAL

Un verán cheo de movemento e novas aventuras nos campamentos do Rosal  

 Máis de 220 rapaces e rapazas gozaron dos catro campamentos de verán cunha ampla programación lúdica, cultural e educativa que continuará no mes de agosto  


Nestas últimas semanas, os rapaces participaron nun amplo abanico de actividades deseñadas para favorecer o seu desenvolvemento integral, estimulando a creatividade, a autonomía e as habilidades sociais

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Esta semana, a alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández, xunto coa concelleira de Benestar, Beatriz Rodríguez, visitaron o campamento municipal de verán nun acto simbólico que serviu para facer un balance das actividades desenvolvidas no mes de xullo. Este programa, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos que continuará tamén en agosto, consolidándose como unha proposta de lecer educativo, estimulante e segura que contribúe á conciliación familiar. 

 Nestas últimas semanas, os rapaces participaron nun amplo abanico de actividades deseñadas para favorecer o seu desenvolvemento integral, estimulando a creatividade, a autonomía e as habilidades sociais. Entre as propostas, destacaron xogos tradicionais que recuperan o legado cultural, actividades deportivas e de cooperación que fomentan o traballo en equipo, dinámicas teatrais que potencian a expresión e xogos de grupo que afianzan os lazos de amizade. Non faltaron tampouco os momentos de xogo libre, espazos imprescindibles para o descanso e a espontaneidade. 

 O campamento tamén contou con diversas saídas para aproveitar os recursos naturais e deportivos da contorna, como visitas ao velódromo de Eiras —onde os participantes puideron experimentar actividades sobre rodas—, ao río de Martín e ao parque de Pías, espazos que ofrecen un contacto directo coa natureza e fomentan o movemento ao aire libre. 

 Ademais do campamento municipal, o verán no Rosal contou con outras tres propostas a maiores, creando unha rede diversa e inclusiva de actividades estivais para a infancia. En total, máis de 220 nenos e nenas participaron nos diferentes campamentos durante o mes de xullo. A Agrupación Musical do Rosal (AMdOR) contou con 57 participantes; o da Unión Deportiva Ribera, centrado no fútbol, reuniu 73 inscritos; e o campamento de balonmán Novás sumou 48 nenos e nenas. 

 No marco destas actividades, celebrouse tamén unha charla moi especial promovida por Fogaric@s, o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, na que catro dos seus integrantes explicaron ao resto de participantes os dereitos da infancia e as iniciativas que desenvolven no seu día a día. Está prevista unha segunda charla no mes de agosto dirixida ao campamento de AMdOR. 

 Tamén se programou unha actividade conxunta do espectáculo Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas, a cargo de Polo Correo do Vento, que contou coa participación de tres dos campamentos, e que serviu para celebrar a cultura galega desde unha óptica lúdica e creativa. 

 Durante a visita, tanto a alcaldesa como a concelleira puideron compartir momentos ca rapazada e co equipo de monitores, destacando por enriba de todo, o gran esforzo e a dedicación contínua para manter un espazo seguro, estimulante e cheo de aprendizaxe, que seguirá activo durante todo o mes de agosto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario