ÉXITO DA PRIMEIRA EDICIÓN DO MERCADO REVIRAVOLTA, O FEIRÓN DO TREGA, EN A GUARDA
• Xa coa vista posta na edición de 2026, prevista para o cuarto sábado de agosto
Foto: Victoriano Rodríguez González
Infogauda / A Guarda
O pasado sábado, 23 de agosto, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda organizou a primeira edición do Mercado Reviravolta, que conseguiu reunir no Campo de Chans Novo máis de 50 postos de profesionais do ecoemprendemento, particulares con venda de segunda man, artesáns e asociacións.
Desde primeira hora da mañá, o evento atraeu a centos de visitantes que poideron desfrutar de andainas polos atallos do Trega e das visitas guiadas gratuítas ao poboado castrexo da man de Antón Ferreira Lorenzo. Os obradoiros tamén tiveron unha presenza destacada, con propostas tan variadas como impresión natural en arxila, prensas botánicas, cianotipia, acuarela, xabóns ou creación de aneis e accesorios para o pelo, que deron vida e cor ao recinto durante.
A música estivo presente durante toda a xornada cos Picadiscos Rhythm and Beer que puxeron ambiente dende o inicio e o Trebón dos Xidos fixo vibrar ao público a media mañá. A sesión vermú co concerto de Palito foi un dos pratos fortes da xornada, congregando unha gran parte das persoas asistentes, que ao rematar aproveitaron para xantar no propio recinto e participar nos diferentes obradoiros organizados polos artesáns. O recital poético de Francisco Álvarez Álvarez (Koki) e o concerto de rock e blues de Antonio Tato puxeron o broche de ouro a unha xornada que puxo en valor a dimensión social e cultural do monte comunal, resaltando o papel dinamizador das comunidades de montes máis aló da explotación forestal. E, xa co solpor, chegou o gran peche coa Foliada aberta que encheu de ledicia o Chans Novo.
En palabras da impulsora do evento e secretaria da Comunidade de Montes de A Guarda, Bea Mauri, foi “unha xornada dinámica cunha asistencia fluida de visitantes, na que destacou un público diverso e de diferentes idades, cun ambiente moi familiar e respectuoso coa contorna. As andainas tiveron unha gran afluencia, esgotáronse as camisetas conmemorativas do evento e, os mercadores, quedaron moi satisfeitos polas boas vendas, todo grazas a un equipo humano incrible de persoas voluntarias que fixeron posible o Reviravolta”.
Desde a Comunidade de Montes de A Guarda non dubidan en cualificar esta primeira edición do Feirón do Trega como un éxito. Xa coa vista posta na edición de 2026, prevista para o cuarto sábado de agosto, queren agradecer a colaboración do Concello de A Guarda e da empresa ACANOR, así como de todos os establecementos comerciais da vila que contribuíron coas súas doazóns aos sorteos. Tampouco esquecen recoñecer non só o labor imprescindible dun equipo de máis de vinte persoas voluntarias que fixo posible o evento, tamén o apoio de todas as persoas, particulares e profesionais, que confiaron e acudiron cos seus postos de venda a esta primeira edición do Reviravolta.
Establecementos e entidades colaboradoras
Club de Remo Robaleira, Lacena comida espida, MLG Space, Skeirrum, Restaurante Mar y Cielo, Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), C. S. Fuscalho, Cafetería Rumbo, Cervecería Celtic, Asociación A Jalheira, SFR Electricidad, Cafetería A Botica, O Faiado 32, Mel Niño do Corvo, Restaurante Arruaz, Coeco Creative, Bar Barros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario